BARRIOS E OBRAS

Javier Fernández informa sobre as obras que se están acometendo na cidade, un total de 34, cun investimento superior aos dez millóns de euros

11/08/2021 O responsable de Barrios e Obras, Javier Fernández, informou en rolda de prensa do estado de execución de distintas actuacións que se están realizando na cidade. Son un total de 34, cun investimento superior aos dez millónes de euros. Entre elas as da rúa de Concheiros, con "un axuste de prazos", debido, explicou, a distintos imprevistos que foron xurdindo, o máis destacado "un cambio de pluviais que non estaba contemplado". O concelleiro reiterou que "a nosa prioridade é a boa execución da obra".

Sobre a execución da obra da rúa dos Concheiros, Javier Fernández sinalou que no mes de agosto está previsto a preparación das bases dos pavimentos, de formigón e zahorra, en Concheiros, no treito entre a Av. de Lugo-rúa das Fraguas; e o formigonado no treito entre a rúa das Fraguas, San Pedro e Angustia.

Na primeira metade de setembro, está previsto o asfaltado e pulido en Concheiros, no treito Av. de Lugo-rúa das Fraguas; e a colocación da pedra no treito entre a rúa das Fraguas-San Pedro-Angustia.

Xa na segunda quincena de setembro, se todo vai segundo o previsto, botaríanse as bases (formigón e zahorras); e os pavimentos (pedra/adoquín) no treito entre Cruz de San Pedro e rúa das Fraguas. Tamén está previsto a pósta en servizo de Concheiros entre San Pedro e Avda. Lugo para o trafico de vehículos, mentras continuan as obras de xardinería, os traballos de instalación de contedores soterrados, así como as actuacións relaciondas coa iluminación e o mobiliario.

E a finais de outubro, principios de novembro, está previsto o remate da obras, coa finalización dos remates de xardinería, contedores, iluminación e mobiliario en todo o ámbito.

Outras obras
Javier Fernández tamén informou doutras obras importantes, en execución ou proxecto. Son:

-Campo de fútbol das Cancelas. Executándose sen incidencias, cunha previsión de finalización de principios de novembro.

-Campo da festa do Castiñeiriño. Cun prazo de execución de cinco meses, non presenta incidencias. Se todo vai segundo o previsto, estaría finalizada en outubro.

-Ponte Vella da Rocha, en Vidán. Segundo informou o concelleiro, a pasarela xa está preparada. Continúan os traballos de canteiría na estrutura da ponte e iniciaranse os traballos de demolición e retirada de pavimentos. O prazo de execución é de tres meses. Quedaría rematada para finais de outubro, se non hai incidencias.

-Aparcadoiro Altiboia. Está previsto que se inicien as obras o 23 de agosto. A semana anterior, explicou Javier Fernández, "iniciarase a sinalización de aviso para liberar a zona de vehículos, preparar valados e instalar o campamento de obra". O prazo de execución é de cinco meses, pero o contratista, apuntou "está a planificarse para tentar deixalo feito en tres. Se non hai incidencias sería viable finalizala dentro deste ano".

-Aparcadoiro Triacastela. Javier Fernández explicou que tras o inicio das obras, "detectáronse problemas co tipo de terreo e coa existencia de redes de saneamento non recollidas pola empresa concesionaria polo que é necesario introducir modificacións no proxecto orixinal". Neste momento, informou, estase a tramitar dita modificación e "espérase poder reiniciar obras entre setembro e outubro". O prazo de execución é de catro meses.

-Urbanización da zona do Valiño. O inicio das obras está previsto para a última semana de agosto, cun prazo de execución de dous meses e medio. Está previsto rematala na segunda metada de novembro.

- Humanización rúa do Hórreo. O inicio das obras está previsto para a última semana de agosto, primeiros de setembro. O prazo de execución sería de cinco meses. Se non hai incidencias podería estar rematada a finais de xaneiro, principios de febreiro. Javier Fernández explicou que en principio prevese manter tráfico de dous carrís (un por cada sentido) que irá cambiando de posición en función do avance da obra.

-Costa do Cristo. Neste momento está paralizada polo control arqueolóxico que están a realizar dos restos da escaleira aparecida cando se estaba levantando o pavimento. Unha vez se poidan reanudar as obras, "deberían poder finalizarse en dous meses", segundo sinalou o concelleiro.

-Rexeneracion asfáltica da Av. de Asturias. Está previsto iniciala cara finais de agosto.

Javier Fernández comezou a rolda de prensa agradecendo á cidadanía a súa "comprensión" e pregoulle que desculpasen as molestias que lle están causando as obras que se están executando na cidade. Tamén agradeceu o esforzo "que está a facer todo o persoal "dos departamentos de Obras, Contratación, Intervención, etc.; porque sen ese apoio tampouco sería posible realizar ditas actuacións".

O concelleiro amosouse convencido de que "as obras xeran emprego e benestar para a cidadanía. Dentro da nosa capacidade de xestión, subliñou "estamos sacando adiante distintos proxectos, con moito esforzo polos problemas que van xurdindo no día a día e que temos que resolver"; e con diálogo "con todos os axentes implicados, e sobre todo, coas asociacións veciñais".

Compartir: