DEPORTES

Os camiños de Santiago, unidos polo deporte grazas á Compostela Cup

28/03/2007 O Hotel Puerta del Camino acolleu a presentación da Compostela Cup do Camiño, unha singular proposta que pretende conxugar deporte e intercambio cultural. Grazas a este torneo, deportistas de todo o mundo achegaranse ata Santiago para competir en diferentes disciplinas e compartir experiencias.

O alcalde de Santiago e presidente da Fundación Compostela Deporte, Xosé A. Sánchez Bugallo; o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco; e o concelleiro de Deportes e vicepresidente da Fundación, Manuel Portas, presentaron a competición, que se desenvolverá en tres fases: local, comarcal e internacional.

Sánchez Bugallo, subliñou a súa "felicidade" por unha iniciativa que une o deporte e o Camiño de Santiago. Lembrou que o Camiño de Santiago é o fenómeno "máis universal" que achegaron á humanidade Galicia e Santiago de Compostela.

Pola súa banda, Fernando Blanco aludiu ao Camiño de Santiago como algo máis que un espazo físico: "É un Camiño vivo, de actividade continua: cultural, deportiva, social e de relación, que o manteñen vivo. Polo que este tipo de iniciativas o que fan é darlle continuidade e futuro". "O importante non é chegar primeiro á meta, senón percorrer o camiño. E ese debe ser o espírito que debe mover ao campionato e ao Camiño de Santiago", engadiu.

Finalmente, Manuel Portas, lembrou que "Santiago é unha cidade aberta por natureza. E dende o primeiro momento a Compostela Cup contou coa colaboración dos concellos próximos da área compostelá. Pero para nós era importante seguir expandindo esa idea, ese sentimento e esas gañas de facer partícipe a todo o mundo da nosa maneira de entender o deporte: que é de todos".

A fase local será un achegamento aos puntos neurálxicos de cada un dos sete camiños que compoñen o Camiño de Santiago. Achegarase deporte e a diversión a todos os nenos e nenas dos camiños, ademais de dar a oportunidade aos concellos para que promovan as súas instalacións e o seu patrimonio. Esta primeira fase terá un campión nas distintas modalidades propostas.

A continuación, celebrarase unha fase comarcal, na que os campións das competicións locais enfrontaranse entre si. Os obxectivos son os mesmos e de aquí sairán os campións dos distintos ámbitos territoriais.

A Compostela Cup do Camiño terá a súa culminación coa fase final, de carácter internacional, na que participarán equipos e deportistas de diversas partes do mundo. Competirán en diversa disciplinas deportivas, como fútbol, fútbol sala, baloncesto, balonmán, xadrez, karate ou tenis de mesa, entre outros. Ata o momento, xa se apuntaron á iniciativa 227 equipos e 3.093 deportistas.

Compartir: