MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

O centro comercial das Cancelas acolle a exposición que conmemora os 25 anos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago

10/08/2021 O Centro Comercial das Cancelas acolle, ata o 22 de agosto, a exposición que recolle as instantáneas máis salientables dos 25 anos de vida da Agrupación de Santiago. É o segundo espazo no que se mostra, despois da súa inauguración, o 1 de xullo, na Alameda de Santiago.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago nacía un 13 de marzo de 1996. As orixes remóntanse ao pavillón de madeira ubicado na rúa da Trinidade, onde só había unha mesa, unha silla, un chaleco de obra "prestado" pero "moitísima ilusión e ganas de axudar". Os voluntarios ían nos seus vehículos particulares, coa súa roupa e os seus equipos de radioafeccionados. Faltaba de todo, pero sobraba xenerosidade e compañeirismo. Daquela época cabe destacar aos precusores desta Agrupación de Voluntarios de Protección Civil: os concelleiros Xosé Sánchez Bugallo -hoxe alcalde da cidade- e Alejandro Sánchez-Brunete, que segue na Corporación deste Concello e foi concelleiro delegado de Protección Civil. Tamén ao xefe de Bombeiros naquel momento, Cesáreo Rey, e José Manuel Traba Gesto, sarxento da Policía Local en 1996, e xefe do corpo posteriormente.

Desde aquel 1996, con Manolo Martínez Ruiz á fronte, esta Agrupación de Voluntarios de Protección Civil comezou a facerse útil, grazas a todos aqueles que comezaron coas mans baleiras e deron todo o mellor de si mesmos. Salientan os voluntarios que cada operativo de Protección Civil Santiago de Compostela ten algo especial, pero hai algúns que, pola súa transcendencia, lémbranse especialmente. Os máis veteranos non esquecen a andaina solidaria reclamando a liberdade para José Antonio Ortega Lara e Cosme Delclaux efectuada no Camiño de Santiago en febreiro de 1997, ou a madrugada do 22 de maio dese mesmo ano, cando a terra tremeu na cidade e os voluntarios estiveron toda a noite comprobando pontes e grandes estruturas, en prevención de danos ou derrubamentos. E en 1999 a Agrupación enfrontouse ao seu primeiro Ano Santo: milleiros de peregrinos, andainas, baixadas de cabalos, etc, que abordaron con éxito e entrega.

Nas súas retinas, aquel novembro do 2002 no que o Prestige tinguiu de negro as costas galegas e o voluntariado desta Agrupación de Protección Civil axudou en Camariñas. No ano 2004, Ano Santo, un Boeing 747 con 487 persoas a bordo que facía a ruta Surinam-Holanda tivo que facer ás 07:50 horas unha aterraxe de emerxencia en Lavacolla por conato de incendio na bodega. Protección Civil encargouse de aloxar á pasaxe, entre a que había setenta nenos, que levaban dez horas voando. As crónicas do momento recollen como o primeiro que fixeron os voluntarios foi repartir caramelos entre os pequenos para romper o xeo, nunha xornada que durou dez horas repartindo colchóns, mantas nas salas improvisadas no aeroporto e mediando entre os pasaxeiros, pois non había acomodo suficiente. Despois chegaría o 2010, de novo Ano Santo, e nesta ocasión con visita do Papa Benedicto XVI incluída.

Outro punto de inflexión foi o terrible accidente do tren Alvia, o 24 de xullo de 2013. Os voluntarios de Protección Civil Santiago de Compostela estaban na praza do Obradoiro, preparados para o operativo dos Fogos do Apóstolo. Correron para Angrois e alí estiveron ata ben entrada a noite, axudando a policías, bombeiros e sanitarios a evacuar os feridos, consolar os familiares e tratar de sacar os falecidos. Pero esta traxedia -que os sacudiu ata o máis profundo dos seus corazóns- durou moitos días mais: estiveron no CERSIA para reconfortar e trasladar os familiares das vítimas, no Multiusos de Sar, onde se depositaron os cadáveres e a onde os familiares ían recoñecer os seus seres queridos; tamén no Instituto Rosalía de Castro, a onde se levaron os enseres que se puideron recuperar; todo no medio dun silencio frío que eles, coas súas verbas e abrazos, tentaban minimizar.

Neste momento a AVPC está dirixida por Begoña del Río. Converteuse nunha entidade imprescindible en Compostela, colaborando intensamente coa Policía Local, a Policía Nacional, a Garda Civil, os Bombeiros e os sanitarios. Así o demostraron tamén durante a pandemia. Cando o mundo estaba cheo de medo e incertezas, sempre en estreita colaboración co Departamento de Servicios Sociais, puxéronse mans á obra: reparto de alimentos, de material escolar a nenos que o precisaban, medicamentos a persoas confinadas, recollida de lixo a persoas en corentena sen apoio familiar, traballo con persoas sen fogar, atención as 24 horas a todo aquel que o precisara.

Todos estes momentos, vividos ao longo dos seus 25 anos de história, están plasmados nesta exposición que durante estes días se pode ver no centro comercial das Cancelas.

Compartir: