MEDIO RURAL

A Deputación destina 150.000 euros do Plan Único para dotar de abastecemento ao núcleo rural da Ponte Alvar

07/08/2021 A Deputación da Coruña financia a través do Plan Único un proxecto valorado en 151.655,27 euros para dotar do servizo de abastecemento de auga potable ao núcleo da Ponte Alvar. A obra, que está a licitación no perfil do contratante do Concello de Santiago, acometeraa a concellaría de Medio Rural que dirixe José Manuel Pichel.

Estes traballos permitirán dar continuidade á rede de abastecemento de auga potable municipal existente en Albudiño, e prolongar o servizo á Ponte Alvar. Os dous núcleos están situados na parroquia santiaguesa de San Xoán de Fecha.

As obras consistirán na instalación de 2.710 metros de tubaxes de polietileno de diferentes diámetros, 24 válvulas de comporta, 7 ventosas, 12 bocas de rega coas correspondentes arquetas de aloxamento e, finalmente, a reposición do pavimento afectado.

O prazo para enviar ofertas remata o próximo martes, 10 de agosto, e o tempo estimado de execución dos traballos é de 3 meses desde o inicio das obras.

Compartir: