ALCALDÍA

Sánchez Bugallo visita a exposición "Lado, unha saga de ourives composteláns", que permanecerá na Casa do Cabido ata outono

06/08/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitaron hoxe a exposición "Lado, unha saga de ourives composteláns". Está dedicada ao ourive Julio Lado Martínez como derradeiro e máximo expoñente dunha saga familiar dedicada á ourivaría con forte enraizamento en Compostela desde o século XIX. El mesmo os acompañou e lles foi explicando todo o proceso creativo e de orfebrería das pezas expostas.

A mostra, comisariada por Chus Iglesias Prado -ourive- e María Gómez García -licenciada en Belas Artes, restauradora e profesora de xoiaría na Escola Mestre Mateo-; permanecerá na Casa do Cabido, localizada na Praza de Praterías ata finais de setembro. Está organizada polo Consorcio de Santiago, cuxa xerente, Belén Hernández, tamén estaba presente na visita de hoxe.

A exposición reúne unha selección de pezas realizadas por Julio Lado ao longo da súa vida. Tamén se amosan os debuxos orixinais das obras, o que permite coñecer como foi o proceso de traballo. Ademais, recreouse unha pequena parte dun taller cun tabliz -banco de traballo- con ferramentas tradicionais moi antigas, algunhas delas xa non existen e moitas ideadas pola propia familia. O público poderá participar no proceso de realización dunha ou varias pezas mentres o ourive Julio Lado modela os motivos decorativos na prata con técnicas centenarias en perigo de desaparición como o cincelado e o repuxado.

A familia Lado
A saga de ourives composteláns Lado iniciouse no último terzo do século XIX, cando Andrés Lado Puente funda a casa. O seu fillo, Andrés Lado Pensado, realiza unha bandexa coa que obtén a Medalla de Ouro da Exposición Rexional Galega celebrada en Santiago en 1909 e inaugurada polo rei Afonso XIII.

Julio Lado Martínez nace en Compostela en 1937. É o oitavo de dez irmáns, sete dos cales continúan no taller familiar a saga iniciada polo bisavó na rúa Rapa da Folla. Cando tiña 15 anos morre o seu pai e empeza a traballar no taller, trasladado polo avó ao número 40 da rúa do Vilar, no que se forma co seu irmán Ángel, Premio Nacional de Ourivaría en 1964.

O cincelado converteuse no sinal de identidade de Julio e Ángel. Recibían encargos de obxectos relixiosos da Igrexa, que traballaban artesanalmente. En menor medida realizaban pezas de carácter civil, debido a que o público decantábase polas de fábrica, feito que ameazaba a continuidade dos talleres dedicados á ourivaría artesanal da cidade. Os motivos iconográficos máis representativos na súa obra eran os referentes a Compostela.

Entre os 15 e os 21 anos Julio compaxina a formación práctica co seu irmán no taller e a formación regrada na Escola de Artes e Oficios, a actual Mestre Mateo. En 1982 é galardoado co primeiro premio de destreza en ourivaría en prata pola realización do escudo de Galicia. En 2016 chégalle o máximo recoñecemento galego para un artesán: o Premio Artesanía de Galicia á Traxectoria. Desde o ano 2020 é restaurador da Universidade de Santiago.

En 2011, tras case século e medio de traballo, pechan a xoiería e o taller por xubilación, aínda que Julio, con 84 anos recén cumpridos, 70 deles dedicados ao oficio, continúa en activo, nunca deixou de crear.

Horarios da exposición
A exposición, inaugurada o pasado 1 de xuño, poderá visitarse na Casa do Cabido de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns pecha ao público.

Compartir: