ALCALDÍA

O alcalde apela á prudencia, aínda que, sinala, "estamos nunha secuencia favorable" de disminución de contaxios por covid-19

06/08/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, informou hoxe, na tradicional rolda de prensa dos venres, que "estamos nunha secuencia favorable", de disminución de contaxios por covid-19. Hoxe hai 573 casos contabilizados, 31 menos que onte, e 51 menos que o mércores pasado.

En canto a incidencia a sete días por cen mil habitantes, hoxe é de 191 positivos, fronte os 339 contabilizados o pasado 1 de agosto. Aínda así, "ante o actual nivel de contaxio", o rexedor apela á prudencia, e a manter as medidas de seguridade, para que a tendencia se confirme; e "nun par de semanas se poidan relaxar determinadas medidas".

O alcalde considera inxusto culpabilizar ao turismo do incremento de contaxios, xa que, argumentou, "Santiago non presenta peores datos que o resto de cidades galegas"; e continuou, a tendencia comezou o 23 de xuño, coincidindo coas vacacións escolares.

Sobre a afluencia de turistas en Santiago, o Sánchez Bugallo subliña que está condicionada polo clima, e que moitos deles son visitantes que están na costa, "e cando chove, é tradicional que veñan a Santiago". Isto xenera, subliñou, "un crecemento turístico ficticio".

O rexedor recoñece que os datos actuais son mellores que os do ano pasado, cunha recuperación moi clara do turismo nacional, "e moito menor" do turismo internacional. Sánchez Bugallo indicou que existen unhas expectativas positivas, e confía en que os datos melloren "a partir de outono".

Sobre as obras que se están acometendo na cidade, como a da rúa dos Concheiros, e as actuacións previstas, como a remodelación da rúa do Hórreo; sinalou que "todos somos conscientes de que xeran molestias e problemas", pero, continuou, "a medio ou longo prazo é un beneficio moi notable" para esas zonas da cidade.

Esta foi a última rolda de prensa do concello antes das súas vacacións estivais, programadas entre o 9 e o 20 de agosto. Neste período as funcións de alcaldía asumiranas o concelleiro Sindo Guinarte, entre os días 9 e 16 de agosto, e Mercedes Rosón, entre o 17 e o 20 de agosto.

Compartir: