DEPORTES

Recepción a unha representación do Club Hockey Compostela

05/08/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu hoxe a unha representación do "Club Hockey Compostela", integrada por membros dos equipos que compiten nas distintas categorías, e encabezada pola súa presidenta Mari Carmen Pazos Seoane. Na recepción tamén estaban presentes a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, e a edil do BNG, Navia Rivas de Castro.

O "Club Hockey Compostela" comezou a súa andadura no ano 2008, nunha especialidade deportiva moi descoñecida na cidade de Santiago de Compostela, como é o hóckey a patíns. A pesares de que é un clube relativamente novo, a súa traxectoria deportiva desde entón sigue unha liña claramente ascendente.

Dentro das distintas categorías conta con aproximadamente un centenar de xogadores e xogadoras formados no propio clube, que nos últimos anos se clasificaron para campionatos galegos e inclusive nacionais.

Nesta tempada 2020/21, cunha situación especialmente difícil, foron quen de clasificarse nas distintas categorías de Infantil e Xuvenil, e xogar a fase final entre Galicia e Asturias; acadando, o equipo Xuvenil, unha praza no campeonato de España, quedando coma sexto clasificado Nacional. Asemade, o equipo senior clasificouse para participar na Ok Liga Bronce de ámbito Nacional na tempada 2021/2022.

Compartir: