EDUCACION

Rubén Prol sinala que as obras de conservación e mantemento previstas nos centros educativos do Concello para este verán, avanzan segundo o previsto

05/08/2021 O concelleiro de Educación, Rubén Prol, deu conta do estado avance e estado de execución das actuacións que se están realizando en coordinación co departamento de Obras, no marco do "Plan de verán do Departamento de Educación". Explicou que os traballos avanzan segundo o ritmo previsto e que, se non hai imprevistos, estarán rematados para principio deste curso 2021/2022.

Este plan, que conta cun orzamento de case 300.000 euros, contempla 53 actuacións en 23 dos 25 centros educativos que dependen do concello de Santiago; como pequenas reparacións, reformas e traballos de conservación e mantemento.

Rubén Prol explicou que a obra máis complexa das previstas é a da cuberta da Escola Infantil de San Roque, que conta cun orzamento de 50.439.76 euros. Esta actuación, sinalou "require a apertura do teito para a impermeabilización e a refacción do tellado, a pesares de que o tempo non foi todo o estable que se prevía, púidose comezar a obra hai dúas semanas, executar a impermeabilización, e previsiblemente estará rematada no prazo dunha semana, e polo tanto, completada para a reanudación das aulas".

O concelleiro repasou outras obras importantes executadas en xullo: os pintados interiores do CEIP Rodríguez Xixirei en Lavacolla; o pintado e limpeza exterior da fachada do CEIP Apóstolo Santiago; o novo chan para o patio infantil do CEIP de Fontiñas que, sinalou "contará agora cunha superficie en céspede artificial, complementado cun areeiro". Tamén se remodelou o areeiro existente no patio do CEIP Lamas de Abade, e realizáronse diversas obras menores de mantemento no Ramón Cabanillas. A maiores, completouse a intervención no ximnasio do CEIP Raína Fabiola que conta xa cunha superficie renovada de parqué, con diversos elementos de sinalización para a realización de actividades e xogos solicitados polo centro. No Raiña Fabiola, segundo explicou Prol, o departamento de Parques e Xardíns retirou dúas árbores, parate "doutras intervencións menores".

Neste momento, engadiu o concelleiro, "estase a realizar unha análise e valoración do estado das diversas instalacións dos parques infantís dos centros para planificar as próximas intervencións nestas áreas".

Obras previstas en agosto
"Con isto", continuou Rubén Prol, "cúmprese a previsión para proceder á intervención nas obras planificadas para o mes de agosto". Este mes vanse realizar intervencións no CEIP de Vite e no Quiroga Palacios. No primeiro realizaranse pintados interiores e reposicións de elementos, e no segundo unha intervención nas canalizacións, que requerirán, continuou "substituír unha acometida existente ao longo do patio do centro e a limpeza da fachada exterior, ademais doutras obras menores en previsión".

Prol sinalou que, en colaboración co departamento de Vías e Obras, "estase a traballar xa na planificación das actuacións necesarias para o vindeiro curso académico". Por último, o concelleiro explicou que os CEIPs de Vite e no Rodríguez Xixirei cumpren as condicións para entrar "proximamente no programa de rehabilitación con sistemas de illamento térmico" da Xunta de Galicia. Na rold de prensa o concelleiro estivo acompañado de Cristina Salgado, técnica de Educación.

Compartir: