POLITICAS SOCIAIS

Asinados os convenios para 2021 coas asociacións Sarela, Itínera, Agadea e Acem, polos que se subvencionan distintos programas de carácter social

02/08/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinou esta mañá os convenios de colaboración para 2021 coas seguintes entidades sociais: Asociación de dano cerebral de Compostela, "Sarela" (3.000 euros); Asociación Itínera de voluntarios en saúde mental (5.000 euros); AGADEA, Asociación Galega para Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer (3.000 euros); e ACEM, Asociación Compostela de Esclerose Múltiple (9.000 euros). En total, os convenios asinados hoxe suman 20.000 euros. No acto tamén estivo presente a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro.

Asociación de dano cerebral de Compostela, "Sarela"
O convenio subvencionará o programa "Terapia acuática/física". Esta actividade, na que está previsto que participen 21 persoas, ten como obxectivo mellorar as estratexias de equilibrio e desequilibrio durante a marcha ou tarefas funcionais, aproveitando das propiedades que ofrece o medio acuático (non risco de caídas), en sala e, na medida do posible, en saídas ao exterior.

SARELA é unha entidade sen ánimo de lucro creada en decembro de 2000 por familiares e persoas con dano cerebral adquirido (DCA) e que desenvolve o seu labor fundamentalmente nos concellos que configuran a área sanitaria de Santiago. Ten como obxectivos fundamentais promover a defensa conxunta dos dereitos destas persoas e familias; a súa integración e normalización social, e o seu coidado, asistencia e protección. Entre os fins principais da asociación tamén están os de orientación e información así como o de prevención do DCA e os seus efectos.

Actualmente a súa base social está formada por case 600 persoas entre socios/as, colaboradores/as, voluntarios/as e profesionais, que traballan para acadar a misión de mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e a das súas familias.

Asociación Itínera de voluntarios en saúde mental
O convenio subvencionará o "Programa Ágora". Trátase dun programa de voluntariado de carácter anual, dirixido a completar a formación académica e cultural de persoas con Trastornos Mentais Severos que pola irrupción da enfermidade non puideron continuar os seus estudos (ou, nalgún caso, non tiveron acceso a eles) e/ou que se viron apartadas da súa entorna cultural e social.
Por unha banda conta cun grupo de actividades de corte máis académico, nas que se implementan clases particulares para sacar sinaturas de ESO e de Bacharelato, apoiado, cando se precise, por unha aula de informática e outra de idiomas, complementados por diversos obradoiros orientados ó desenvolvemento de técnicas de estudo. E por outra comprende o mantemento de grupos de iniciativa cultural, con diversos proxectos como o club de lectura, debate, ludoteca e cineforums.

A Asociación Itínera nace no ano 2005 como resultado das experiencias de voluntariado levadas a cabo desde o ano 1993 no Hospital Psiquiátrico de Conxo. Desde entón puxéronse en marcha programas educativos, recreativos e deportivos e participaron máis de 400 voluntarios. O obxectivo era acadar un maior nivel de socialización das persoas con trastornos mentais severos e loitar contra o empobrecemento ambiental que caracteriza á institucionalización. Agora, a asociación quere ir máis alá, e dar apoio a estas persoas na nosa comunidade, facilitando a súa integración, a participación social e a reducción do estigma que supón padecer unha enfemidade mental.

AGADEA. Asociación Galega para Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer
O convenio financiará o programa "Gea-Grupo de envellecemento activo. Con este proxecto prevese mellorar a calidade de vida das persoas no que se refire a que de forma activa e participativa, se formen e familiaricen coas novas tecnoloxías, a través dos exercicios físicos.

O proxecto vai dirixido fundamentalmente a persoas maiores de 60 anos sen deterioro físico evidente que desexen ter un envellecemento activo e saudable a través do coñecemento do propio corpo, empregando a práctica sistemática de exercicios físicos en grupo. Desenvolverase vía online a través das sesións na aplicación ZOOM, con carácter semanal e cunha duración aproximada de 50 minutos. Dentro das áreas que se traballa está o equilibrio, a propiocepción e a psicomotricidade.

O 25 de marzo do 1994 nace en Santiago de Compostela a primeira Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Azlhéimer (AGADEA); unha entidade sen ánimo de lucro formada por persoas usuarias, familiares, profesionais e voluntarios que traballan por mellorar a calidade de vida dos afectados (enfermos e coidadores) pola enfermidade de Alzheimer e doutras demencias. Para iso, ofrecen recursos, servizos e actividades que cubren as necesidades que van xurdindo nas diferentes etapas. AGADEA está presente nos concellos de Santiago, Ribeira, Vedra, Teo e na Estrada Nestes momentos ofrece servizo directo a preto de 500 persoas.

ACEM, Asociación Compostela de Esclerose Múltiple
O convenio subvencionará o "Programa e rehabilitación fisioterapéutica". Con este programa faise especial fincapé na prevención, pronóstico e tratamento dos déficits presentados na persoa doente como resultado da patoloxía diagnosticada (Esclerose Múltiple, ELA, Parkinson e outras similares). Trátase de doenzas crónicas e dexenerativas, polo que as persoas afectadas precisan dunha atención rehabilitadora de maneira continuada. A finalidade é axudar a recuperar, sempre que sexa posible, e/ou manter o máximo nivel posible de funcionalidade e independencia, contribuíndo así a mellorar a calidade de vida e benestar das persos que padecen esta doenza.

A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1995 co fin de contribuir a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por esta doenza, así coma a dos seus familiares e coidadores. No ano 2007 foi recoñecida como entidade de Utilidade Pública. A asociación ACEM conta con máis de 20 anos de experiencia no colectivo de atención a persoas con discapacidade e dependencia.

Así, no ano 2009 o concello de Santiago de Compostela cede unha parcela situada na rúa Queixume dos Pinos s/n, baixo réxime de concesión demanial, para a construción dun centro, que con data 27 de xuño do 2013 foi declarado de interese e utilidade municipal. É neste Centro de Rehabilitación Integral, onde a ACEM ofrece unha atención multidisciplinar e integral, paliativa e preventiva a través dun equipo multidisciplinar de acción conxunta especializado no sector.

Compartir: