FESTAS

O traxe galego, protagonista nas rúas de Compostela

27/07/2021 Como cada ano, dende hai 42, as Festas do Apóstolo dedican un día a enxalzar o traxe galego. Hoxe, as rúas de Compostela engalanáronse coa vestimenta tradicional nas súas diferentes versións.

As festas do Apóstolo acolleron este martes a XLII edición do Día do Traxe Galego, cun paseo polas rúas de Compostela no que participou o concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, e outros integrantes da Corporación. Logo, unha pequena representación da comitiva foi recibida polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, no Pazo de Raxoi.

Este ano a normativa actual en materia de pandemia pola covid-19 non permite organizar o tradicional desfile, como todos os anos, polo que no seu lugar organizáronse dous grupos de pasarrúas acompañados por sendos grupos de gaiteiros.

Á recepción no Concello, que tivo lugar ás 14.15 h, seguiralle o certame de traxes tradicionais no Museo do Pobo Galego, onde os participantes se concentrarán entre as 16:00 e as 16:30 horas para ser avaliados polo xurado. Ás 19.30 h, desfilarán dende Bonaval ata a Quintana, onde terá lugar a exhibición final e a entrega de premios, arredor das 20.00 horas.

Compartir: