POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

O departamento de Lingua Galega programa para agosto "Territorio Xogantín" e "Contos no parque", dúas actividades lúdicas dirixida ao público infantil

27/07/2021 O concelleiro de Políticas Lingüísticas, Rubén Prol, presentou hoxe dous programas que teñen como obxectivo a socialización en galego dos nenos e nenas, a través de distintas actividades lúdicas, todas elas de balde. Son "Territorio Xogantín", destinado a menores de entre 6 e 10 anos; e "Contos no parque", para a cativada de 3 a 6 anos.

"Territorio Xogantín ten como obxectivo ofrecer un tempo de socialización a través do xogo e do patrimonio lingüístico, no que a cativada interaccione nun ambiente en que o galego é a lingua de referencia. Por outra parte, supón unha alternativa lúdica para os nenos e nenas que permanecen na cidade durante o mes de agosto que permite tamén agasallar as persoas adultas responsables do seu coidado cun tempo libre para que poidan realizar as súas encomendas ou gozar da cidade.

"Territorio Xogantín" desenvolverase de luns a venres, entre o 2 de agosto e o 3 de setembro, a excepción do 16 de agosto; entre as 11:30 h. e as 13:30 h. En cada unha das xornadas poderán participar ata 20 nenos e/ou nenas. O punto de encontro situarase na Praza 8 de marzo, convenientemente sinalizado. Durante os 15 primeiros minutos da actividade poderán incorporarse os menores que o desexen, ata completar o número máximo de participantes. As persoas que acudan con eles terán que cubrir o formulario cos datos necesarios para deixalos ao coidado dos monitores.

Unha vez formado o grupo, moverase polas rúas e prazas da Cidade Histórica, segundo o requiran os diferentes xogos. En todo momento, os nenos e nenas participantes estarán acompañados por monitores da empresa Xandobela Educación e Cultura, cunha longa experiencia en actividades de tempo libre, vinculadas ao patrimonio, ao xogo e á lingua.

Contos no parque
A segunda das actividades presentada polo concelleiro Rubén Prol foi "Contos no parque". Enmarcada no programa Apego, desenvolverase durante o mes de agosto ao aire libre, no Parque de Bonaval, concretamente na plataforma dos arcos.
Nesta actividade, hai limitación de prazas, polo que é necesario inscribirse previamente en reservas.gal.

As actividades programadas, recomendadas principalmente para menores de 3 a 6 anos, son as seguintes:
-O 3 de agosto, Inacio Vilariño presenta "O espantamedos"
- O 10 de agosto, Perez & Fernández presentan "Rosa e azul", unha sesión de contos teatralizados, que celebra a diversidade e racha cos estereotipos de xénero.
- O 17 de agosto, Soraya Lema trai o espectáculo "Aldara na montaña"
- O 24 de agosto, Magín Blanco presenta un contacontos musicado: "O que levamos nas maletas".
-E o 31 de agosto, Teatro Ghazafelhos representa "A caixa sen Pandora".
As familias que asistan deberán usar máscara. Tamén se recomenda levar unha manta para sentarse na herba.

Direccións relacionadas



Compartir: