PROMOCIÓN ECONÓMICA

A II Gala do Comercio resaltará a excelencia dos establecementos composteláns

27/03/2007 O concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, acompañado de representantes das asociacións de comerciantes da cidade, presentou a II Gala do comercio Compostela capital de compras, que se celebrará o venres 30 de marzo, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia.

A gala, que durará aproximadamente 90 minutos e será conducida pola presentadora galega Yolanda Vázquez, terá como primeira actuación a do Orfeón Terra A Nosa. Na súa primeira parte, denominada "Comercio, cultura e innovación" proxectaranse as vinte fotos de José Caruncho e Fran Herbello que conforman a exposición "De Compras por Compostela", que se pode ver na Praza Roxa ata o 9 de abril, e unha curtametraxe en clave de humor sobre o comercio. Tamén se entregarán os premios do III Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping a Andrómenas e do Concurso de Imaxinación máis Comercio a Zürich SCQ.

A continuación, na parte titulada "Comercio e tradición", entregaráse unha figura de Sargadelos e un diploma acreditativo aos comercios homenaxeados no 2007. Son A Casa dos Queixos, Calzados Severino, Confitería Las colonias, Joyería Malde, Farmacia Gómez Ulla e Quiosco do Toural . Tamén se entregarán duas mencións especiais a Ultramarinos Castro e á Sociedade Círculo Mercantil e Industrial de Santiago.

"Comercio, presente e futuro" incluirá a intervención dos representantes de entidades e institucións que traballan a favor do comercio: Xunta, Concello de Santiago e asociacións de comerciantes: Acotés, Compostela Monumental e Santiago Centro. A clausura do acto correrá a cargo do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

A II Gala do comercio, Compostela capital de compras é o broche final dun mes dedicado á dinamización do sector comercial co desenvolvemento do programa "Marzo, mes do comercio", organizado polas concellarías de Promoción Económica e Comercio e de Cultura. A gala deseñouse co obxectivo de fortalecer os lazos entre os comerciantes de Compostela, recoñecer a súa laboura, premiar a excelencia dos establecementos e transmitir a importancia do sector a cidadanía. Esta é a segunda Gala do Comercio que se celebra en Santiago. A primeira tivo lugar en marzo de 2006 e foi presentada por Comba Campoi.

Compartir: