FESTAS

A música tradicional protagoniza o último día das Festas do Apóstolo da man do TradFest

26/07/2021 O vindeiro sábado 31 xullo, dentro das Festas do Apóstolo, celebrarase un ano máis o TradFest Compostela, unha celebración da música popular actual con máis de 20 concertos, feira de artesanía, ruadas e actividades no parque e igrexa de San Domingos de Bonaval e en Belvís que completan os concertos na zona vella para pór o peche ás festas na cidade. Presentaron o evento en rolda de prensa o concelleiro Gonzalo Muiños; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; Víctor Belho, en representación das produtoras organizadoras do evento; e a artista Antía Ameixeiras.

O TradFest Compostela quere ser un fito senlleiro para Santiago. Herdanza recibida do "Certame Folk" que, logo de sete edicións, cambia de nome no 2019 e estrea un formato expansivo, incluínte, participativo e diverso, que este ano ocupará ao longo dun día enteiro a programación das festas do Apóstolo no 31 de xullo con música de raíz, do tradicional á vangarda, da contemplación ao baile espontáneo, da autoría á composición colectiva.

Promovido por La Voz de Galicia e o Concello de santiago con apoio da AGADIC, Axencia das Industrias Culturais da Xunta de Galicia e organizado por Nordesía Producións e aCentral Folque, contará con máis de 60 artistas de todos os recantos do país e algún estranxeiro, con concertos especiais deseñados ad hoc para este festival.

"Neste 2021 terá lugar unha edición adaptada á situación sanitaria sen renunciar a facer a festa para que sexa esta unha data sinalada no calendario das festas da cidade", indicou o concelleiro.

Música, canto, baile, cursos, feira,… "das tradicións renovadas nun punto de encontro e escaparate da música galega como arma de distracción masiva e ferramenta para construir unha identidade propia e un sentimento colectivo", salientou Víctor Belho, de Nordesía Producións.

O TradFest é unha celebración musical en varios espazos. Na Praza da Quintana estarán os concertos de encerramento e no Parque de Bonaval, espazo do antigo convento de San Domingos (hortas e templo) concentraranse as músicas de raíz traídas á contemporaneidade dos nosos días nun formato expansivo, incluínte, participativo e diverso para ocupar este lugar un día enteiro.

Programación artística
TradFest BONAVAL:

Festa da música popular con artistas galegos e internacionais amosando diversas estéticas arredor dos cantos, os bailes, a tradición, a contemporaneidade… en varios palcos no parque e na igrexa de Bonaval. Elenco: Cuarteto Caramuxo, Marcos Coll, Caldo, Caamaño & Ameixeiras, Tobie Miller, Najla Shami, Mulleres de Gharghamala!, Xico de Carinho e Cuchús Pimentel, Grupo 1500, Os da Porfía, TOR, Mozart á galega, Antonio Prado e Miguel Vázquez. Ademais haberá unha feira de artesanía ao longo do día na entrada do parque.

Parque e Igrexa de Bonaval
11.30: Antonio Prado e Miguel Vázquez
12.00: Mozart á galega (Igrexa)
12.30: TOR
13.15: Os da Porfía
13.30: Grupo 1500 (Igrexa)
14.00: Xico de Carinho e Cuchús Pimentel
16.30: Arredor da tradición
17.00: Najla Shami
17.30: Tobie Miller (Igrexa)
18.00: Caamaño & Ameixeiras
19:00: Caldo
19.15: Marcos Coll (Igrexa)
20:00: Cuarteto Caramuxo

E tamén….
Ruadas pola cidade (mañá e tarde) con:
Cuarteto Seimeira
Protois
Low Bay Hot Band

Ademais a xornada complétase con outros eventos noutros puntos da cidade:

Praza de Praterías
20.00: Banda Municipal de Música de Santiago + Brincadeira
Entrada libre. Sen reserva.

TradFest QUINTANA

Praza da Quintana
Foliada ao vivo: concerto especial coa Banda da Crechas e convidados de luxo para unha celebración das Músicas ao Vivo: Felisa Segade, Os da Porfía, Marcos Coll, Caamaño & Ameixeiras, Sheila Patricia.

21.30: Foliada ao vivo: Banda das Crechas,Felisa Segade, Os da Porfía, Marcos Coll, Caamaño & Ameixeiras, Sheila Patricia…

Compartir: