XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba o expediente de clausura do vertedoiro de Aríns e o acondicionamento das novas oficinas da concellaría de Medio Rural, no recinto feiral de Amio

26/07/2021 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o expediente denominado "Execución do proxecto de adecuación, selado e clausura do vertedoiro de Aríns", e a apertura do procedemento de adxudicación baixo a modalidade de aberto simplificado, establecéndose un tipo de licitación de 1.174.591,42 euros.

Tamén se deu luz verde ao proxecto básico de execución denominado "Acondicionamento de oficinas para a concellaría de Medio Rural e o Servizo de Parques e Xardíns e implantación de novas instalación para a Brigada de Parques e Xardíns no recinto feiral de Amio". Este proxecto conta un orzamento de 362.973,13 euros, IVE engadido, e un prazo de execución de 4 meses.

O seu obxectivo é a implantación da concellaría de Medio Rural e do Servizo de Parques e Xardíns nos terreos e edificación existentes no recinto feiral de Amio. As obras de acondicionamento afectan á planta baixa dun dos edificios existentes. Detrás dese edificio situaranse as novas instalacións destinadas a talleres e almacéns para o Servizo de Parques e Xardíns. A maiores, procederase a reformar parte dunha edificación existente na zona onde se colocan as polbeiras, para destinala a almacén.

O executivo municipal tamén aprobou as convocatorias de subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas nas áreas de rexeneración e renovación urbana (ARIS) en desenvolvemento do acordo de data 29 de outubro de 2020 da comisión bilateral de seguimento dos convenios de colaboración subscritos entre a comunidade autónoma de Galicia e o ministerio de fomento para a execución do plan estatal de vivenda 2018-2021. Os ámbitos de actuacións son:

-Cidade Histórica. Fase 17, con 30 actuacións previstas. Aprobouse o gasto correspondente por un importe de 18.600 euros.

- Grupos de vivendas "Compostela e cardeal Quiroga Palacios" do barrio de Pontepedriña. Fase 7, con 12 actuacións previstas. Aprobouse o gasto correspondente por un importe de 86.400 euros.

- Barrio de Vite. Fase 3, con 20 actuacións previstas. Aprobouse o gasto correspondente por un importe de 108.000 euros.

Por outra banda, adxudicouse o contrato de "Subministración e instalación de sistemas de seguridade, comunicacións e modernización do Centro de Control do Parque de Bombeiros de Santiago de Compostela" á favor da empresa NortConsultin Soluciones SL., por un importe de 363.608 euros, sendo a súa oferta a única admitida cumprindo os requirimentos dos pregos de aplicación.

Ademáis, aprobouse a solicitude de subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria, ao abeiro da Orde do 12 de decembro de 2018, para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de Risga, por importe de 275.419 euros, que contempla a contratación de 20 persoas desempregadas.

Tamén se aprobaron as bases de funcionamento dos locais municipais de música para a xuventude de Compostela, e do Centro Xove de Creación Cultural, que se poden consultar abaixo, no documento adxunto. Estas bases teñen como obxecto complementar as condicións existentes de uso das instalacións e do material dos Locais Municipais de Música para a Xuventude de Compostela, polo seu traslado ao Centro Xove de Creación Cultural.

Convenios
A Xunta de Goberno local aprobou o texto do convenio de colaboración para o ano 2021 entre o Concello de Santiago de Compostela e a entidade AGADEA, Asociación Galega para Axuda dos Enfermos con Demencia Tipo Alzheimer, por unha contía de 3.000 euros.

Ademais, o executivo local deu o visto bó aos convenios e a transferencia corrente das subvencións á Fundación Torrente Ballester, por 10.000 euros; ao Museo do Pobo Galego, por 30.000 euros; e á Fundación Rosalía de Castro, por 5.000 euros. Estas subvencións destinaranse a financiar distintas actividades das tres entidades culturais realizadas en 2021.

Por outra banda, tamén se deu conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a asociación de animación sociocultural e de tempo libre Circonove, que non suporá custe algún para as arcas municipais.

Compartir: