XUNTA DE GOBERNO

Apróbanse as bases das axudas para promoción e dinamización comercial, destinadas ás asociacións de comerciantes

19/07/2021 A xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases reguladoras da convocatoria de axudas para actividades de promoción e dinamización comercial, que contan cun orzamento de 75.000 euros. Dos acordos adoptados informou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa.

As subvencións, que corresponden a anualidade de 2021, están destinadas ás asociacións de comerciantes ou entidades representativas de pequenas e medianas empresas comerciais legalmente constituídas, e sen fin de lucro.

A maiores, estas entidades deberán reunir os seguintes requisitos:

- Que o seu ámbito de actuación sexa eminentemente local, referido ao municipio de Santiago de Compostela.

- Que conten cun mínimo de 15 establecementos asociados.

- Que o 60% dos seus establecementos asociados pertenzan ao sector comercial.

- Ter a súa sede social no municipio de Santiago de Compostela.

- Non estar integradas por empresas comerciais que operen en mercados municipais suxeitos a concesión administrativa.

Considéranse actuacións subvencionables, sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2021 e a data límite de xustificación, o 29 de outubro de 2021; as referidas a:

-Sistemas de fidelización a través de servizos dirixidos á clientela cuxa finalidade sexa aumentar as vendas, atraer novas persoas consumidoras e satisfacer os seus intereses.

- Actuacións de dinamización e promoción comercial. Son subvencionables as actividades de animación na rúa directamente vinculadas ao proxecto de promoción ou incentivador dun consumo correspondente.

- Campañas de promoción, publicidade en medios de comunicación ou en soportes publicitarios así como elaboración de material promocional, que se orienten a potenciar as distintas tempadas ou fitos con relevancia comercial ao longo do ano.

- Implantación ou mantemento de servizos de apoio e asesoramento ao comercio polo miúdo.

-Actuacións encamiñadas á mellora da competitividade comercial.

Tamén son subvencionables os custos de persoal e de administración específicos, sempre e cando estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a súa adecuada preparación e execución.

A subvención pode acadar o 75% do orzamento dos gastos subvencionables, co límite de 30.000 euros por cada entidade solicitante. Esta axuda é compatible con outras concedidas para a mesma finalidade, sempre e cando illadamente ou en concorrencia coas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, non supere o custo total das actividades subvencionadas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e contarase desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no BOP.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou o gasto da convocatoria de axudas para o rescate do comercio local afectado pola crise da covid-19, anualidade 2021; por importe de 1.904.000 euros financiados como segue:

500.000 euros con cargo ao convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña para o desenvolvemento do proxecto "Eixos 2 e 4 do Plan de reactivación económica do Concello de Santiago"

1.404.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 010 43100 4790101 do orzamento municipal 2021.

Segundo explicou o alcalde, a esta convocatoria preséntáronse " 525 solicitudes", das cales "aproximadamente unhas 480 acreditaron o cumprimento dos requisitos. Hai unhas 40 que non o acreditaron a día de hoxe". Engadiu que esta previsto ditar a resolución a finais desta semana". A continuación terá lugar a fiscalización antes de proceder ao pago. Se esa finalización é plena, explicou Sánchez Bugallo, os abonos terían lugar en setembro.

O alcalde sinalou que todas as solicitudes que acreditaron o cumprimento dos requisitos percibirán as axudas, e que aínda sobrarán, sobre 200.000 euros nesa partida.

O rexedor lembrou tamén que hoxe se asinou o convenio dos bonos de aparcamento coas asociacións de comerciantes Santiago Centro, Compostela Monumental e Punto Compostela para o "desenvolvemento dun programa de reactivación das compras mediante a entrega de bonos de aparcadoiro no marco do PRESS (Plan de Reactivación Económica e Social de Santiago). Uns convenios aos que se destinará un total de cen mil euros. "Fíxose o ano pasado, e vólvese asinar este ano", sinalou, coa aprobación "e satisfacción", co comercio local.

Todas estas axudas, as subvencións ás asociacións, as axudas directas para paliar os efectos da crise, e os bonos de aparcamento sobrepasan os dous millóns de euros destinados polo concello de Santiago á reactivación do sector comercial.

Compartir: