FESTAS

As festas do Apóstolo volven poñer en valor o Traxe Galego

15/07/2021 O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, acompañado pola presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Astray, e pola vicepresidenta da entidade, Rosa López, presentou unha nova edición do Día do Traxe Galego, unha desas citas que xa vai unida dende hai décadas ás festas do Apóstolo. De feito, esta é xa a edición número 42 deste Día do Traxe, que se celebrará o martes 27 de xullo.

"Ao igual que en 2020, a pandemia vai impedir que se faga o habitual desfile, pero aínda así será un día moi vistoso para celebrar e reivindicar o traxe galego. Haberá pasarrúas, misa solemne, recepción no Concello, certame de traxes, exhibición e un desfile adaptado ás circunstancias, no que só participáran os asistentes ao certame", apuntou Gonzalo Muíños na presentación.

O concelleiro animou á xente á participación, pero "tamén lles pedimos que contribúan a que todo saia ben adoptando as medidas de seguridade necesarias, como o uso da máscara, gardar as distancias, etc.".

Tal como explicou Pilar Astray, "este ano a normativa actual en materia de pandemia pola covid-19 non permite organizar o tradicional desfile, como todos os anos, polo que no seu lugar decidiuse organizar dous grupos de pasarrúas que partirán desde dúas localizacións distintas facendo dous percorridos diferentes polas rúas da zona monumental e acompañados por sendos grupos de gaiteiros". A presidenta da asociación lembrou que a participación nestes pasarrúas non pode abrirse ao público en xeral e por iso só participarán os/as socios/as da ATG respectando o aforo recomendado cun máximo de 15 persoas en cada grupo.

* Itinerario – Grupo 1: Concentración ás 11:30 Hrs. na entrada da Alameda e saída ás 12:00 Hrs. pola Porta Faxeira, Rúa do Vilar, Praza de Praterías, Rúa da Conga, Praza de Feixóo, Rúa Preguntoiro e chegada á Praza de Cervantes, onde se fará unha parada, e, a continuación, saída cara á Igrexa de San Paio de Antealtares.

* Itinerario – Grupo 2: Concentración ás 11:30 Hrs. na Praza de Cervantes e saída ás 12:00 Hrs. pola Rúa Preguntoiro, Rúa Caldeirería, Rúa Orfas, Rúa Nova e chegada á Praza da Quintana, onde se fará unha parada, e, a continuación, saída cara á Igrexa de San Paio de Antealtares.

Ao finalizar ambos percorridos, os que o desexen asistirán á misa ás 13:00 Hrs. en recordo dos socios/as falecidos/as, que será oficiada por polo deán da Catedral, José Fernández Lago. Ao remate, todos os participantes faranse unha foto conxunta nas escadas da Praza da Quintana.

Programa de tarde

Á recepción no Concello, prevista para as 14.15 h, nesta ocasión limitada tamén aos membros da Xunta Directiva da ATG, seguiralle o certame de traxes tradicionais no Museo do Pobo Galego, onde os participantes se concentrarán entre as 16:00 e as 16:30 horas para ser avaliados polo xurado. Ás 19.30 h, desfilarán dende Bonaval ata a Quintana, onde terá lugar a exhibición final e a entrega de premios, arredor das 20.00 horas.

Compartir: