IGUALDADE

O Verán CampUSC 2021 impulsado pola Fundación USC e no que colabora o Concello de Santiago, supera a barreira das 500 inscricións

14/07/2021 A concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, e a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, visitaron este mércores a terceira quenda do Verán CampUSC 2021, que se desenvolve ata o 24 de xullo. Este campamento urbano, impulsado pola Fundación USC e no que colabora o concello de Santiago, conta, nesta edición, cunha participación superior aos 200 nenos e nenas, nados entre 2004 e 2017. Moitos deles están apuntados en diferentes quedas, polo que supera xa a barreira das 500 inscricións.

O Verán CampUSC busca "posibilitar a conciliación entre a vida laboral e familiar tanto da comunidade universitaria da USC coma do público xeral durante o período das vacacións escolares", segundo sinalan dende a organización. A inscrición para as quendas cuarta —do 26 ao 30 de xullo— e quinta —do 1 ao 8 de setembro— do Verán CampUSC permanece aberta. A matrícula pode formalizarse a través dun formulario en liña.

A través do seu programa de actividades, o Verán CampUSC serve de espazo de iniciación a unha gran cantidade de actividades de ocio e tempo libre, xogos e deportes, atendendo ás idades e desenvolvemento psíquico-físico das nenas e nenos. "Este é un programa moi importante para a Universidade porque, por unha banda, permite a conciliación familiar e, pola outra, desenvolve unha función lúdico-educativa moi importante neste tramo de idade", explicou a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo.

Medidas sanitarias
A edición 2021 mantén unha serie de medidas implantadas xa o pasado curso para facer fronte á actual situación sanitaria. Dende a organización, coordináronse con especialistas todas as medidas de seguridade, de prevención da saúde e de hixiene que a situación require para coidar ao máximo a saúde tanto dos participantes como do persoal que dinamiza o programa. Ademais, antes do inicio do programa, as familias participantes recibiron toda a información do desenvolvemento da actividade relativa ás medidas implantadas.

Organizado pola Fundación USC, o Verán CampUSC desenvólvese nun total de cinco quendas que abarcan o período comprendido entre o 23 de xuño e o 8 de setembro, agás agosto. O horario é de 8.45 a 14.45 horas e conta con 120 prazas por cada quenda.

Compartir: