XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o financiamento municipal para as ARIs no marco do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021

14/07/2021 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria e urxente, aprobou o financiamento e número de actuacións para as ARI (Área de Rehabilitación Integral en Santiago de Compostela), por un total de 580.663.4 euros. Esta aportación municipal divídese en dúas partes: unha para actuacións de nova edificación de 336.000 euros, e outra de equipo técnico e de xestión de 244.663,42 euros.

Coa aprobación desta proposta dase cumprimento ao punto 4 do artigo décimo da resolución do IGVS do 3 de xuño de 2021 pola que se regula o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021.

Os ámbitos das ARIs son:

-O casco histórico de Santiago (fase 18), cun custe de actuación previsto de 1.216.165.86 euros e 80 actuacións de rehabilitación programadas, ás que se suman outras seis de edificación.

-O Grupo de vivendas Compostela Quiroga Palacios (fase 8), cun custe de actuación previsto de 1.508.399,03 euros e 70 actuacións de rehabilitación programadas.

-O barrio de Vite (fase 4), cun custe de actuación previsto de 2.222.098,54 euros e 128 actuacións de rehabilitación programadas.

Á aportación do concello súmase a de promotores privados, a do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, cun importe previsto de 1.844.800 euros; e a da comunidade autónoma, cunha previsión de 795.200 euros.

O executivo municipal tamén deu luz verde a dúas adxudicacións, a de "Execución do proxecto de urbanización da unidade de actuación nº 11 do PERI Fontiñas-Cotaredo-San Lázaro (Urbanización da ZL-75)", a favor da empresa Eulogio Viña Obras y Construcciones SA, por un importe de 143.105,97 euros; e a adxudicación do contrato de "Reforma dos aseos públicos existentes na rúa Trindade e no Parque da Alameda", a favor da empresa Obras Gallaecia SL. un custe de 133.959,83 euros.

Por outra banda, a Xunta de Goberno deu o visto bó a proposta de someter a información pública a estrutura de custos do servizo de xestión do servizo de auga potable e saneamento de augas residuais do termo municipal de Santiago de Compostela -ciclo integral da auga; e á publicación da mesma no Boletín Oficial da Provincia da Coruña por un prazo de 20 días hábiles.

Documentos relacionados



Compartir: