URBANISMO

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico dá luz verde á fase once de despregamento da fibra óptica

13/07/2021 A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, informou favorablemente, entre outros asuntos, a fase once de despregamento de rede de fibra óptica na Cidade Histórica; e a ocupación de vía pública, coa colocación do palco, na Praza do Obradoiro, para a celebración do concerto do Festival da Luz, que terá lugar o día 21 de xullo, no marco das Festas do Apóstolo.

O "Proxecto de infraestutura de telecomunicacións para o despregue de Rede FTTH Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela. Fase 11", que conta cun orzamento de execución material de 17.426,58 euros, abarca as seguintes rúas:

Rúa de Rodrigo de Padrón 3 e Rúa de San Clemente 13

Quinteiro da Rúa de Valle Inclán, Costa de San Domingos e Rúa das Rodas.

Rúa das Carretas (núm. Pares).

Rúa do Pexigo de Abaixo.

Rúa do Pexigo de Arriba

Rúa de Entrepexigos

Rúa da Ensinanza (núm. 5 a 13)

Ruela do Pisón

O obxectivo, segundo o proxecto presentado, é dar cobertura ao 100% os posibles usuarios existentes no ámbito, evitando así a necesidade de futuras ampliacións. Para iso a empresa incorpora un novo deseño da rede de distribución co que se acadan melloras como a reducción do número total de caixas, de cables e de fusións. A proposta foi informada favorablemente, aínda que coas mesmas condicións que as anteriores fases, entre as que destacan:

As arquetas e canalizacións soterradas que requiran de excavación deberán ser obxecto do correspondente proxecto de intervención arqueolóxica. Estes traballos de excavación deberán ser realizados polo Consorcio de Santiago.

Os cables de acometida deberán acceder ás unidades inmobiliarias a través do portal e os elementos comúns interiores dos inmobles.

As novas Caixas Ópticas Terminais terán un acabado en cor gris, para reducir o impacto visual.

O trazado dos pasos de rede soterrados deseñarase sempre seguindo a aliñación das lousas de granito.

As tapas das novas arquetas serán de lousa de granito, das mesmas características que o pavimento.

A nova rede debe ser compartida con empresas ou operadoradores de telefonía interesados en ofertar os seus servizos na cidade histórica, xa que por razóns de protección do patrimonio cultural resultaría imposible autorizar unha rede independente por fachada para cada un dos operadores.

Outro asunto informado favorablemente é a ocupación de vía pública na Praza do Obradoiro con motivo da celebración do concerto do Festival da Luz, que terá lugar o día 21 de xullo de 2021 durante as Festas do Apóstolo 2021, coa condición de que se cumpran unha serie de termos en concordancia cos "Criterios para a autorización de ocupacións de vía pública no Ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica PE-1" aprobados pola Comisión Asesora na data 07/11/2017.

Entre os termos figura que o palco deberá ter a dimensión mais reducida posible, non só en relación coa súa ocupación en planta senón tamén (e moi especialmente) no referente á súa altura, debido ao impacto visual que esta última dimensión ten na imaxe urbana; non se autorizará a instalación de elementos accesorios destinados á información, sinalización, seguridade, alumeado público ou ornamental, condución de enerxía ou abastecementos e servizo ao público participante (aseos, colectores de lixo, etc.) sobre os inmobles declarados Ben de Interese Cultural (neste caso a Catedral, o pazo de Xelmírez e o Hostal dos Reis Católicos) ou en contacto directo coas súas fábricas; e prohíbese a ancoraxe directa sobre os pavimentos de pedra, debendo resolverse a suxeición da instalación mediante un sistema de contrapesos que non alteren nin prexudiquen os solados da cidade histórica. Tamén se establece que os valados metálicos de control de accesos á praza así como as cadeiras para os espectadores deberán montarse e desmontarse o mesmo día dos eventos; e a montaxe e desmontaxe do escenario deberase facer no mínimo tempo posible.

Por outra banda, desde a Comisión informaron favorablemente á autorización para a ocupación de vía pública na Praza do Toural e no Parque de Galeras con dous "Puntos lila", a raíz da celebración das Festas do Apóstolo 2021, entre os días 20 e 31 de xullo. E tamén se deu luz verde, aínda que con condicións, á reforma e rehabilitación do Café-bar Derby, que conta cun orzamento material de 65.000 euros.

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, que preside a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; está composta polo concelleiro de Presidencia, Sindo Guinarte, os edís do PP, José Antonio Constenla e Evaristo Ben; Jorge Duarte, por Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín; así como os integrantes da Ponencia Ténica, formada por técnicos do Concello, da USC, do Consorcio, da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da dirección xeral de Patrimonio da Xunta.

Compartir: