ACCIÓN CULTURAL

Os premios Exeria sitúan Santiago como o primeiro concello galego que apoia a escritores durante o proceso de creación

08/07/2021 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada da poeta Yolanda Castaño, presentou as bases do "Premio Exeria de proxectos de creación literaria", que ten como obxectivo, fomentar a creación literaria desde a súa orixe e contribuír a súa internacionalización.

Mercedes Rosón explicou que esta convocatoria está destinada aos proxectos de creación literaria de autores/as residentes en Santiago de Compostela "que necesiten dun tempo e un espazo para desenvolver a súa obra".

Hai un premio único de 4.500 euros, divididos en dúas partes: 1.500 euros en metálico e 3.000 euros en especie, que consiste nunha estadía na de creación literaria na residencia Al Mamal na cidade de Xerusalén durante o mes de agosto.

Os proxectos presentados deben corresponder a obras en fase de execución que sexan inéditas. O período de presentación de orixinais é de 15 días contados a partir do día seguinte á publicación das bases no Diario Oficial de Galicia. Está previsto que o fallo dos premios se de a coñecer no mes de xullo de 2021, previa deliberación do xurado nomeado para tal fin polo órgano competente.

Yolanda Castaño agradeceu ao Cconcello de Santiago "a súa implicación" nos premios Exeria, nos que tamén colabora o consulado de España en Xerusalén, sinalando que se trata do primeiro concello galego que envía a escritores a residencias no estranxeiro. Engadiu que, ademais, "é o primeiro proxecto que decide apoiar aos escritores durante o proceso de creación".

As e os creadores interesados en participar deberan estar empadroados en Santiago, e presentar unha parte do texto obxecto do premio, un curriculo que reflicta, sobre todo, o seu traballo literario anterior, e unha carta de presentación explicando os motivos polos que se presenta á convocatoria.

Tanto Mercedes Rosón, como Yolanda Castaño destacaron a importancia do nome dos premios, Exeria, a primeira muller da que hai testemuñas escritas, a través do seu propio diario, en peregrinar de Santiago de Xerusalén, "dúas cidades santas", segundo indicou Castaño.

Documentos relacionados



Compartir: