XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local concede a licencia para construir 24 vivendas de promoción pública e aproba as bases das axudas ás asociacións veciñais

06/07/2021 A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe en sesión extradordinaria e urxente, acordou conceder ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, o IGVS, licenza para a construción dun edificio de 24 vivendas de promoción pública, garaxes e trasteiros no SUNP-13, Parcela 4B2, na Rúa Castiñeiriño, nº 81, cun orzamento de execución material de 2.717.231,53 euros.

Ademáis, aprobou as bases da convocatoria de subvencións dirixidas a asociacións veciñais de Santiago de Compostela, para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral. Estas axudas contan cun orzamento de 100.000 euros, e poderánse solicitar desde o día seguinte da súa publicación no BOP.

Os obxectivos xerais destas axudas son dinamizar os centros e locais socioculturais que utilizan as asociacións veciñais para as reunións e o desenvolvemento das súas actividades; apoiar a realización dos distintos programas de actividades que potencien o interese xeral ao servizo da mellora e fomento da cultura, das relacións veciñais e da participación efectiva da cidadanía.

Tamén se subvencionarán actividades de interese xeral (educativas, culturais, de lecer, de convivencia, festivas, etc.) que se desenvolvan nos locais que usan as asociacións, destinados a todos os públicos, promovendo as relacións e o achegamento entre a veciñanza dos distintos lugares do Concello, a través de programas, tanto no propio centro e para eses veciños concretos, como actividades en rede para toda a cidadanía.

O executivo local tamén aprobou as "Bases da convocatoria do Premio Exeria de proxectos de creación literaria" que acada un importe total de 4.500 euros: 1.500 euros en metálico e 3.000 euros en especie, que consiste nunha estadía na residencia de creación literaria Al Mamal na cidade de Xerusalén. Os proxectos presentados deben corresponder a obras en fase de execución e estaren inéditas. O período de presentación de orixinais é de 15 días contados a partir do día seguinte á publicación das bases no Diario Oficial de Galicia. O fallo dos premios será dado a coñecer no mes de xullo de 2021, previa deliberación do xurado nomeado para tal fin por órgano competente.

Por outra banda, tamén se aprobou o texto do convenio con Alejandro Francisco Tovar Salazar (responsable do nome comercial Editorial Hugin e Munín) para a publicación do III Premio Realia de tradución literaria.

Ademais, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao texto do convenio entre o Concello de Santiago de Compostela e a asociación de animación sociocultural e tempo libre Circonove, que non implica gasto algún para as arcas municipais. A entidade propón a realización dun programa de actividade regular de exhibición das disciplinas circenses na rúa, de acceso gratuíto e aberto para todos os públicos.

O programa desenvolverase en distintas prazas da zona histórica de Santiago do 15 de xuño ao 30 de setembro. A actividade a desenvolver pretende dinamizar o casco histórico da cidade, incentivar a creatividade e promover o acceso libre e gratuíto á cultura por parte dos veciños e visitantes da cidade no período estival.

Os participantes na exhibicións serán os socios e socias da asociación e mais os seus colaboradores. O calendario definido de espectáculos será achegado pola entidade organizadora semanalmente. Toas as actividades terán lugar en espazos públicos en horario de tarde. Os lugares de celebración previstos son: Alameda, praza do Toural, praza da Quintana e praza de Praterías e rúa de San Paio de Antealtares. A proposta de actividades vén acompañada dun detallado protocolo de prevención de contaxios da COVID2019 do que serán responsables da súa aplicación a asociación de animación sociocultural e tempo libre Circonove e os artistas participantes nesas actividades.

Documentos relacionados



Compartir: