MEDIO RURAL

Aberto o prazo de presentación de ofertas no proceso de licitación de distintas obras de saneamento e abastecemento en Aríns, Laraño e Bando

06/07/2021 Ata o 27 de xullo está aberto o prazo de presentación de ofertas no proceso de licitación das obras de ampliación das redes de abastecemento e saneamento nas parroquias de Aríns, Laraño e Bando, promovidas pola Concellería de Medio Rural, que dirixe José Manuel Pichel, en coordinación coa Deputación Provincial da Coruña dentro do Plan Único de Concellos (POS+).

O orzamento previsto para estas actuacións é de 152.000 euros e o prazo de execución de catro meses. Un investimento, segundo José Manuel Pichel, "moi demandando pola veciñanza", xa que supón a implantación dos servizos básicos municipais do ciclo integral da auga nos seguintes ámbitos:

· Saneamento no lugar da Cacharela, na Travesa das Penas e na Rúa das Tornas (parroquia de Aríns).

· Abastecemento na Rúa Nova da Igrexa (parroquia de Laraño).

· Abastecemento no lugar de Pousada (parroquia de Bando).

Toda a documentación para concorrer ao concurso de adxudicación atópase no apartado "Perfil do contratante" do Concello de Santiago. As tres obras están financiadas ao 100% a través do Plan Único provincial. Os traballos consistirán na apertura de gabias para posteriormente proceder á instalación das respectivas tubaxes para canalizar as distintas redes de saneamento ou abastecemento previstas.

Compartir: