XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o texto dos convenios de colaboración con Cáritas, ASPAS e Fundación Monte do Gozo

05/07/2021 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o texto dos convenios de colaboración entre o concello de Santiago e tres entidades sociais; Cáritas Diocesana, ASPAS, e a Fundación Monte do Gozo, por un importe total de 171.000 euros. Estes acordos, impulsados pola concellaría de Políticas Sociais, que dirixe Mila Castro, teñen como obxectivo garantir a calidade de vida da cidadanía e unha orde social máis xusta e solidaria. Tamén deu o visto bo ás bases das convocatorias dos premios Educacompostela e Realia.

O convenio de colaboración para o ano 2021 entre o Concello e Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, ten unha contía de 120.000 euros, que se destinarán a financiar distintos programas da entidade que teñen como obxectivo acoller ás persoas en situación de dificultade, ben sexa económica ou de calquera outra índole; e fomentar a súa integración, favorecendo a súa autonomía e a resolución das demandas que plantexan. As persoas destinatarias son todos os colectivos sociais sen excepcións, aínda que con especial atención ás famlias en situación de vulnerabilidade.

O convenio de colaboración para o ano 2021 entre o Concello de Santiago e a Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual, ASPAS, ten unha contía de 6.000 euros que se destinarán ao "Programa de respiro e/ou emerxencia familiar". Trátase dun servizo de estancias temporais - respiro familiar de fins de semana e períodos vacacionais que da resposta a necesidade de descanso ou emerxencia familiar mellorando así a calidade de vida das familias con membros con discapacidade intelectual ao poder ofrecerlles uns días de descanso, mentres o seu familiar é atendido por profesionais da entidade. ASPAS dispón de dous pisos cedidos polo Concello de Santiago, nos que se desenvolve este servizo, nos que cada fin de semana se desenvolven actividades encamiñadas ao fomento da vida autónoma e o coidado persoal, colaborando en todas as tarefas, aseo, limpeza, compra, planificación das actividades de ocio e outras.

O convenio de colaboración entre o concello de Santiago e a Fundación Monte do Gozo para 2021, conta cun importe de 45.000 euros, e tamén se destinarán a subvencionar programas da entidade. A Fundacion Monte do Gozo ten por obxectivo a atención integral aos colectivos marxinados ou en estado de necesidade e aqueles en situación de exclusión social; así como a prevención, formación, educación, rehabilitación e reinserción, apoio e intermediación no ámbito penitenciario, xurídico e xudicial ás persoas con problemas de adicción, ás súas familias e aos colectivos de risco.

Aprobadas as bases das convocatorias dos premios Educacompostela e Realia
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases da convocatoria da "XIII edición dos Premios Educacompostela de recursos educativos en prol da innovación da calidade educativa e da renovación pedagóxica". A temática desta edición será libre; e os prazos para presentar os traballos serán dende a publicación no BOP da Coruña, ata o 8 de outubro de 2021. O traballo gañador percibirá 1.200 euros, o segundo clasificado 900 e o terceiro 600 euros.

Convocados polo Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela, que dirixe Rubén Prol, coa colaboración pedagóxica de Nova Escola Galega, teñen como obxectivo recoñecer, promover, premiar e difundir públicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación, e a renovación pedagóxica.

III Premio Realia

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou as bases da convocatoria do "III Premio Realia de tradución literaria", dotado cun único premio de 1.500 euros e a publicación da obra na Editorial Hugin e Munin. O seu obxectivo é contribuír ao agrandamento do sistema literario galego e da oferta de lectura, coa incorporación de autores internacionais traídos ao galego.

Esta convocatoria, impulsada pola concellaría de Acción Cultural que dirixe Mercedes Rosón, está destinada ás traducións de obras de autores que non teñan traducións ao galegos de narrativa escritas outras linguas que non sexan nin castelán nin portugués.

Compartir: