EIXO ATLÁNTICO

A comisión executiva do Eixo Atlántico remarca a necesidade de reforzar e incrementar a participación dos concellos na xestión dos fondos post covid

05/07/2021 Esta mañá, en Viana do Castelo tivo lugar unha Comisión Executiva extraordinaria do Eixo Atlántico na que participaron por primeira vez os presidentes das Comisións Políticas creadas en virtude das conclusións da Conferencia de Alcaldes de Pontevedra así coma os expertos de alto nivel de cada comisión. Na sesión participou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Esta executiva debateu monograficamente sobre os plans de recuperación e resiliencia post pandemia de Portugal e de España, e o papel que as autoridades locais xogaron na xestión da crise e, por tanto, a que deben de xogar tamén na xestión dos fondos para a recuperación dos efectos da crise.

No debate, que se alargou máis de 3 horas, chegáronse ás seguintes conclusións:

1. Os concellos xogaron un papel determinante na xestión da crise, dende os servizos básicos á poboación, incluíndo servizos sociais e educativos, a subministración á poboación de alto risco, as axudas a Pemes e autónomos, ata a motivación e o mantemento do estado de ánimo colectivo nun momento extremadamente duro para o que ninguén estaba preparado.

2. En consecuencia, os concellos deben xogar un papel relevante na primeira liña da xestión dos fondos, incluíndo a aceptación das súas propostas sobre actuacións a financiar xa que son os mellores coñecedores das necesidades dos seus territorios e dos seus cidadáns.

3. Evidenciouse un déficit común, tanto en España como en Portugal, sobre o nivel de participación dos concellos pola escasa aceptación de propostas provenientes dos mesmos.

4. Constatouse que tanto o programa español como o portugués, remitidos á Comisión Europea integran os eixos principais que a Conferencia de Alcaldes do Eixo Atlántico identificou como prioridades para a saída da crise, en Pontevedra, o pasado ano. Desde esa óptica os alcaldes manifestaron o seu acordo cos eixos prioritarios de ambas propostas portuguesa e española, aínda que lamentan que en moitos casos non se concretasen nas remitidas polos concellos.

5. Existe unha preocupación maioritaria sobre a eficiencia e o resultado dos fondos, xa que non responde maioritariamente a iniciativas innovadoras que desde o ámbito das cidades e os cidadáns contribúan á recuperación da economía. Igualmente existe o risco de que os fondos se atribúan a obxectivos que non se corresponden coa crise e mesmo empresas que estaban en crises antes da pandemia.

6. Igualmente existe unha gran preocupación sobre o aproveitamento dos fondos ou a posible perda dun volume importante polas trabas burocráticas que os sistemas que se están deseñando poidan levar.

7. Por tanto considérase da maior urxencia e importancia reforzar e incrementar a participación dos concellos na xestión destes fondos, tanto na súa programación como na súa execución, para garantir a eficiencia dos mesmos para os obxectivos aos que van destinados.

Compartir: