DEPORTES

O Campus sur acollerá este sábado as Aulas Ciclistas de La Vuelta

05/07/2021 A organización de La Vuelta, que este ano remata cunha contrarreloxo en Santiago o vindeiro 5 de setembro, xa vai quentando rodas para animar a cidadanía a asistir á carreira. Neste ocasión, comeza coa cativada, para quen organiza as Aulas Ciclistas este sábado 10 de xullo na pista de fútbol sala do Campus sur. Presentou a actividade en rolda de prensa a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, e o presidente da Asociación de Ciclistas Profesionais, José Luis de Santos.

As Aulas Ciclistas queren achegar a carreira aos nenos e nenas de Compostela, que poderán coñecer interesantes cuestións sobre o mundo do ciclismo e divertirse coas actividades programadas no Bike Park instalado na pista de fútbol sala do Campus Sur en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h.

Trátase dun evento libre para nenos de 8 a 11 anos que se compón de parte teórica, onde se impartirán coñecemenos sobre seguridade vial, alimentación, medio ambiente e mecánica da bicicleta; e parte práctica a desenvolver nun circuíto de habilidade e manexo da bicicleta.

Os nenos pasarán pola aula de ciclismo, onde á marxe dos contidos e explicacións, encherán a folla de inscrición para participar en La Vuelta Júnior, e posteriormente pasarán pola parte práctica onde os monitores seleccionarán os rapaces e rapazas en función da súa pericia e dominio da bicicleta. Ao saír do circuíto pechado, o pai ou titor debe asinar a folla na que autoriza a participación en La Vuelta Júnior.

Tanto a concelleira como o presidente da Asociación de Ciclistas Profesionais animaron a cativada de Compostela a desfrutar dun día de ciclismo este sábado

Direccións relacionadas



Compartir: