CENTROS SOCIOCULTURAIS

CEGASAL premia a aposta do Concello de Santiago pola economía social

03/07/2021 A aposta do Concello de Santiago pola economía social, empregando a persoas con discapacidade, acaba de ser recoñecida pola Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal). O concelleiro de Barrios e Obras, e de Centros Socioculturais, Javier Fernández, recibiu o Premio Especial da entidade de mans do seu presidente, José Antonio Vázquez Freire, nunha gala na que tamén estivo presente o concelleiro de Relacións Institucionais, Sindo Guinarte.

O comunicado de CEGASAL destaca a vontade política do concelleiro de respaldar a economía social, "tendo en conta aos centros que empregan a persoas con discapacidade en todos e cada un dos concursos que licita o Concello". Segundo explica, "Javier Fernández entendeu desde o primeiro momento a importancia de dar os pasos necesarios para cumprir coa lei de contratación pública, que obriga a reservar unha porcentaxe de traballo para a iniciativa social"

Premiados
Tamén resultaron premiados nesta edición o Concello de Carballo, e a dirección xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia. A empresa distinguida nesta edición foi Jealsa, firma familiar galega con sede en Boiro; mentres que os galardoados no apartado xornalístico foron Xaime Calviño, exjefe de Economía da Opinión da Coruña, e Santi Riveiro, redactor del Correo Gallego.

Cegasal
Cegasal é a asociación empresarial multisectorial galega de iniciativa social e integra na actualidade a 32 centros, que se rexen polos principios orientadores da economía social. Os centros especiais de emprego de iniciativa social apostan por facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade e, nesta liña, Cegasal representa a empresas repartidas por toda a xeografía galega, que abarcan diferentes sectores como téxtil, alimentación, limpeza, tratamento de residuos ou xardinería, entre outros. O obxectivo da asociación é seguir crecendo en empresas asociadas, priorizando aquelas que fomenten o emprego das mulleres en zonas do ámbito rural e das persoas con enfermidade mental.

Compartir: