COMERCIO

O alcalde de Santiago convida á cidadanía a visitar a feira "Sabor a Artesanía", que se celebra hoxe e maña no Pazo de San Lourenzo

03/07/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e o concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, visitaron este mediodía "Sabor a Artesanía", que se celebra hoxe e mañá no Pazo de San Lourenzo. Na iniciativa participan 33 marcas creativas, artesanais e enogastronómicas. Ademais da feira, o evento conta con concertos, sesións DJ e obradoiros de artesanía en palla trenzada. A entrada é de balde, aínda que hai que aboar os concertos.

O alcalde convidou a todos os compostelás a "vir e desfrutar" dun conxunto singular, que é o Pazo de San Lorenzo, e da súa finca. E ademais hai moi boas ofertas, desde o punto de vista da hostalería, da música e da artesanía". Para o rexedor, é un plan e un espazo excelente "para vir coa familia e para vir cos amigos". Durante o percorrido polos postos de artesanía, Sánchez Bugallo e Gonzalo Muíños estiveron acompañados da xerente do Pazo de San Lourenzo, Charo Barca e da directora do programa "Sabor a Artesanía", Mónica Mejías.

A iniciativa "Sabor a Artesanía2 parte da empresa Correveydile e está patrocinada polo Concello de Santiago de Compostela a través da Área de Comercio, a Xunta de Galicia a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia e Gadis. Conta ademais coa colaboración do Pazo de San Lourenzo.

Entre os postos que participan en "Sabor a Artesanía" atópanse comercios con sede na cidade de Santiago e marcas galegas que amosan e venden as súas coleccións de moda, xoias, bixutaría, marroquinería complementos, xogos, esculturas en papel, artesanía téxtil, decoración, coitelos e artículos para o fogar, ilustración, queixos, viños, mel, marmeladas etc. nos seculares salóns do Pazo.

De xeito paralelo, os xardíns do pazo acollen as actividades complementarias da iniciativa que abranguerán os concertos de Bifannah, TT Syndicate, Rastreadores e The Soul Jacket, as sesións DJ do picadiscos Manuel Vilouta (El hombre Vil) e os obradoiros gratuítos da artesanía trenzada en palla coa que se elaboran os tradicionais "sancosmeiros" que impartirá Trenzarte.

A entrada ao espazo e á feira é de balde e dará a oportunidade ao público visitante de coñecer os formidables salóns e os espectaculares xardíns do Pazo de San Lourenzo. As entradas para os concertos están á venda na plataforma www.entradium.com e permitirán desfrutar da música ao aire libre en mesas grupais de 2, 3, 4, 6 e 8 persoas degustando a atractiva oferta gastronómica de petiscos doces e salgados que ofrecerá o Pazo de San Lourenzo.

O horario de Sabor a Artesanía é ininterrumpido de 12h a 21h ambas xornadas e non é necesario formalizar reserva para o acceso ao espazo. Os concertos e os obradoiros si implican asegurarse praza con antelación e contan cos seguintes horarios:

Sábado 3 de xullo
18h Obradoiro gratuíto de artesanía en palla trenzada. Entradas dispoñibles en www.entradium.com
20h El Hombre Vil DJ e TT Syndicate en directo. Entradas dende 12€ dispoñibles en www.entradium.com

Domingo 4 de xullo
12:30h Obradoiro gratuíto de artesanía en palla trenzada. Entradas dispoñibles en www.entradium.com
13:30h El Hombre Vil DJ e Rastreadores en directo. Entradas dende 12€ dispoñibles en www.entradium.com
18h Obradoiro gratuíto de artesanía en palla trenzada. Entradas dispoñibles en www.entradium.com
20h El Hombre Vil DJ e The Soul Jacket en directo. Entradas dende 12€ dispoñibles en www.entradium.com

Esta nova edición de Sabor a Artesanía cumpre cos máis rigorosos protocolos de seguridade, hixiene e prevención. Ademais, estanse a controlar os aforos co obxectivo de que o público asistente poida desfrutar dun evento de #culturasegura.

Compartir: