POLÍTICAS DE IGUALDADE

O programa "Reencontros nas parroquias" finaliza cun encontro das mulleres que participaron nas distintas actividades

02/07/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e os concelleiros de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, e de Medio Rural, José Manuel Pichel, asistiron esta tarde ao "III Encontro de mulleres do rural" que celebrará no campo da festa de Figueiras, e no que estarán presentes as participantes do programa "Reencontros nas parroquias".

O palco habilitado no campo da festa foi o altavoz dos distintos grupos dos Centros Socioculturais do Rural. Nun ambiente festivo e reivindicativo da liberdade e a igualdade das mulleres, cantaron cancións e algunhas ata explicaron experiencias propias. O alcalde, Sánchez Bugallo, dirixiuse ás participantes nas distintas actividades sinalando:"quero agradecervos todo o que facedes e darvos moitísimo ánimo". O rexedor rematou a intervención sinalando que a partir de agora "irá todo mellor". Mercedes Rosón recordou como a pandemia cambiou a vida das mulleres do rural, como houbo que pechar os centros socioculturais, e a ilusión con se preparou "este día de reencontro". "Hoxe é esa ocasión para poder reencontrarnos, coñecernos e recoñecernos", engadiu.

Ao acto tamén asitiron a concelleira do PP, Ana Sabel Iglesias; a portavoz de Compostela Aberta, Marta Lois; e a portavoz do BNG, Goretti Sanmartín. Tamén estaba presente a deputada autonómica polo PSdeG, Noa Díaz, anterior concelleira de Políticas de Igualdade, que puxo en marcha o programa Artellando Feminismo, no marco do cal se desenvolveu "Reencontros nas parroquias".

A través do programa "Reencontros nas parroquias", impulsado pola Concellaría de Igualdade en colaboración coa concellaría de Medio Rural, desenvolvéronse diversas actividades ao aire libre: andainas, obradoiros de risoterapia, obradoiros de autocoidados que serviron para tecer redes de apoio entre mulleres, imprescindibles para afrontar as secuelas que a crise sanitaria da COVID-19 deixou nas súas vidas.

Neste encontro interparroquial, as participantes compartiron as súas reflexións sobre as desigualdades de xénero e a necesidade do apoderamento individual e colectivo das mulleres a través de diferentes linguaxes artísticas ( música, teatro, baile…). Como broche final do evento tivo lugar unha preestrea da peza documental "Esperanza" na que as protagonistas son as mulleres do programa "Reencontro nas Parroquias"; e na que foron narrando como transcorreu a súa vida desde que se decretou o estado de alarma até a actualidade.

"Reecontros nas parroquias", enmarcado na segunda edición de Artellando Feminismo; programou, nesta edición que agora finaliza, obradoiros de autocoidado, de risa, roteiros, creación de pezas audiovisuais e outros materiais de divulgación das actividades programadas, etc. O programa, que rematou con este encontro de mulleres no rural, levouse a cabo entre os meses de marzo e xuño nos centros socioculturais do rural: Lavacolla, Figueiras, Laraño, Marantes, Busto e Aríns. Este ano incorporáronse tamén as veciñas de Nemenzo.

Compartir: