MOBILIDADE

A Policía local de Santiago conta cunha nova ferramenta para a investigación de sinistros viarios

03/07/2021 Grazas á colaboración entre departamentos municipais (Persoal, Informática e a Policía Local), a Sección de Atestados conta cunha importante ferramenta para a investigación e reconstrución de accidentes de tráfico: un programa informático de simulación dinámica.

A incorporación deste moderno programa axudará os compoñentes da Sección de Atestados a mellorar o seu labor á hora da investigación dos accidentes de tráfico e, por suposto, na reconstrución.

Este programa informático de simulación dinámica de accidentes axúdase das principais leis da física para efectuar precisos modelos de cálculo, entre eles un modelo de colisión de impulso - movemento, un modelo de impacto baseado nos coeficientes de rixidez, un modelo cinético de simulación de traxectorias e un modelo cinemático para estudos de tempo - distancia.

Ademais, poderanse efectuar de forma automática cálculos da colisión en 2D e 3D, tendo en conta o grao de enerxía absorbida nas deformacións dos vehículos e outros factores reais cuxo cálculo manual estaba a ser máis complexo e laborioso. A animación tridimensional achegará unha didáctica moi necesaria para a interpretación e reprodución dos feitos, proporcionando máis información que calquera outro medio ao permitir analizar os detalles dunha escena complexa visualmente. O programa permitirá, tanto a realización de esbozo en 2D e 3D, incluíndo, nos 3D, animacións dinámicas.

O uso desta nova aplicación permitirá medir distancias por medio de fotografías; a medición de deformacións en carrocerías de vehículos para calcular velocidades relativas ou posicións finais; a simulación en 3D, que mostra as diferentes perspectivas de testemuñas, vítimas ou condutores; as variables matemáticas como velocidade, aceleración, ángulo de traxectoria, distancias, etc.

A súa fiabilidade atópase acreditada por validación de resultados de ensaios de choques realizados en importantes centros de investigación de accidentes e con resultados emitidos por outros programas de similares características, e pola utilización por diferentes Forzas e Corpos de Seguridade con competencia na materia e outras entidades tales como gabinetes de reconstrución de accidentes.

A investigación dos sinistros viarios componse de distintas fases, tados importantes, que comezan coa inspección ocular da escea dos feitos, dos vehículos implicados e a identificación das lesións. A continuación analízanse os datos e establécese unha hipótese sobre como e por que se produciu o accidente.

A última fase da investigación é precisamente a reconstrución do accidente, na que se desenvolve a parte máis técnica e se realiza o estudo da percepción, reacción e consecuencias. É neste proceso onde os policías locais se axudarán deste programa.

A reconstrución virtual dos accidentes de tráfico proporcionará unha serie de datos e medios que facilitarán as análises da accidentalidade e con iso permitirán establecer mellores pautas coas que tentar minimizar a sinistralidade viaria e mellorar a calidade nos traballos realizados, que pasarán a formar parte dos diferentes procedementos xudiciais.

Compartir: