ALCALDÍA

O alcalde salienta que a tecnoloxía da nova EDAR garantirá "o maior e mellor nivel de depuración"

02/07/2021 Xosé Sánchez Bugallo referiuse este venres en rolda de prensa á nova depuradora de Santiago, cuxa contrato para a redacción do proxecto construtivo, execución, posta en marcha e explotación foi adxudicado o pasado 24 de xuño polo Consello de Administración de ACUAES por 55,9 millóns de euros.

O rexedor fixo fincapé en que a tecnoloxía que se vai empregar, a de membranas MBR, é a máis avanzada na actualidade, o que garantirá "o maior e mellor nivel de depuración" e "unha maior calidade do río Sar". O sistema prevé que sexa en circuíto pechado, o que suavizará "radicalmente" os olores. Estímase que a obra estea finalizada en 2025 para poder entrar en servizo en 2026. O primeiro ano a xestión correría a cargo da empresa adxudicataria da obra e despois corresponderíalle ao Concello.

Características técnicas
Trátase dunha EDAR na que se confinaron todos os procesos xeradores de ruídos e olores e que presenta un deseño arquitectónico moi coidado que busca facilitar a súa integración na contorna.

A execución das obras desenvolverase en diferentes fases, de forma que durante todas elas se manteñan como mínimo os actuais parámetros de vertedura ao río Sar. Así, nunha primeira fase construirase na parcela contigua, situada ao norte, a instalación do futuro pretratamento e dunha primeira liña do tratamento biolóxico. Con estas instalacións en funcionamento, posibilitarase ir demolendo por fases a actual EDAR e construíndo a nova infraestrutura, que á súa vez se irá pondo en funcionamento secuencialmente a medida que vaia requiríndose pola demolición das antigas instalacións.

En canto á súa liña de auga, trátase dunha EDAR con tratamento primario e de augas de tormentas mediante decantación lamelar, tratamento biolóxico por lodos activos de membranas MBR con cámaras preanóxica, anaerobia, anóxica, facultativas e óxicas con eliminación de nitróxeno por vía biolóxica, tratamento de eliminación de fósforo por vía biolóxica e química. Con esta configuración, a planta terá capacidade para responder aos esixentes requisitos de calidade fixados pola Autorización de vertedura e contribuirá decisivamente a lograr os obxectivos de calidade ambiental fixados para a masa de auga do río Sar na súa contorna.

Por outra banda, a liña de tratamento de lodos proposta componse do espesamento dos lodos primarios e biolóxicos, a predixestión anaerobia dos mesmos, un postespesamento dos lodos dixeridos, un tratamento de hixienización mediante hidrólisis térmica intermedia e unha postdixestión para finalmente deshidratar e almacenar os lodos.

Con este tratamento optimizouse enerxeticamente o proxecto á vez que se minimizou o volume de lodo xerado pola solución. Para un mellor aproveitamento enerxético da instalación, proxectouse unha liña de biogás que inclúe unha instalación de coxeración que se utiliza para cubrir necesidades caloríficas de distintos procesos e xerar enerxía eléctrica para autoconsumo na planta.

Convocatoria de axudas
A respecto doutros asuntos, o alcalde referiuse á convocatoria de axudas aos sectores máis afectados pola pandemia. Indicou que hoxe remata o prazo para a subsanación de erros das solicitudes presentadas á convocatoria do sector comercial e que das 525 recibidas, "máis de 300 teñen que subsanar". Non obstante, lembrou que "o noso obxectivo é deixar este tema resolto este mes".

Sobre unha nova convocatoria, Sánchez Bugallo avanzou que se sacará cara outubro ou novembro e que estará orientada á renovación, mellora e incorporación de elementos. "O Concello podería cubrir ata o 80% do investimento", engadiu.

Compartir: