EDUCACIÓN

O alumando das escolas infantís municipais participou en senllos simulacros de evacuación de emerxencia coa Policía Local, os Bombeiros e Protección Civil

01/07/2021 O alumnado das Escolas Infantís Municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños, realizou, esta semana, senllos simulacros de evacuación de emerxencia; nos que tamén participaron membros da Policía Local, dos Bombeiros e de Protección Civil.

Os simulacros, enmarcados no Plan de Emerxencia e Evacuación das Escolas Infantís Muncipais, desenvolvéronse o luns 28, na E.I.M de Conxo, o martes 29 na E.I.M das Fontiñas, e mércores 30 na E.I.M de Meixonfrío- Salgueiriños. Consistiron na escenificación dunha evacuación ante un pequeno incendio no comedor e noutra estancia especialmente significativa da escola. Estes simulacros, que se completan con outras actividades relacionadas coa mellora da seguridade de escolares e profesorado; teñen como obxectivo dotar a alumando e docentes dos instrumentos necesarios para saber como actuar ante unha situación de emerxencia.

Por outra banda, este tipo de actuacións teñen como finalidade a aproximación dos servizos de seguridade de Santiago á cidadanía, promovendo hábitos saudables e de conducta cívica dende as idades máis temperás.

Na preparación e na execución dos simulacros participaron de xeito coordinado a Policía Local, o Servizo de Extinción de Incendios, Protección Civil, técnicos do Departamento de Educación, as profesionais das escolas infantís e o seu alumnado. Todos eles puxeron en práctica un eficaz traballo de coordinación na implementación de protocolos de seguridade en equipamentos educativos para nenos e nenas de curta idade. Neste sentido, os simulacros de evacuación son un instrumento útil para os propios servizos de seguridade, xa que se traballan cuestións coma o traslado dos pequenos, dado que actúan con uniformes e equipamento con pesos entre 16 e 20 quilogramos.

Sobre o labor cos propios pequenos, no caso dos que andan, cómpre salientar que, entre outras habilidades, trabállase como actuar en situacións de perigo. Resulta prioritario que saiban recoñecer os sinais de emerxencia e que, ante estes, se agrupen e sigan as instrucións da profesora ou profesor, que será quen dirixa na práctica o operativo.

A Rede Municipal de Escolas Infantís conta cun Plan de Emerxencia e Evacuación, que se plasma nun Manual de Autoprotección e en diversas accións de formación e simulacros de actuación, todo isto no marco do Programa Municipal de Seguridade e Autoprotección dos Centros Escolares.

Compartir: