EDUCACIÓN

Prepárase o proxecto da quinta escola infantil municipal

26/03/2007 O Goberno local deu o visto bo á contratación da redacción do proxecto para a Escola Infantil Municipal de Tras Parlamento, por un importe de 26.260 euros. Esta será a quinta escola que se poña en marcha na cidade, unha vez que na Xunta de Goberno do 19 de marzo se ratificara o proxecto da cuarta, a prevista para o Polígono do Tambre.

Ademais destas dúas escolas proxectadas, xa están en pleno funcionamento as de Conxo e Fontiñas e en breve será inaugurada a de San Roque. O centro situado no Parque da Constitución dará servizo ao Ensanche compostelán.

Tamén en materia educativa, adxudicouse a asistencia técnica redactar o proxecto de reforma das instalacións destinadas á Aula de Coñecemento do Medio Rural, en Figueiras. Investiranse 11.999 euros nesta redacción.

Festactiva 2007

Así mesmo, ratificouse o programa de actividades dunha nova edición de "Festactiva. Ocio alternativo para a mocidade", organizada pola Concellaría de Educación e Mocidade. Desenvolverase ao longo de catro fins de semana nos meses de abril e maio no Centro Sociocultural do Ensanche, cun fin de festa na Praza Roxa. Esta iniciativa contará cun orzamento de 21.140 euros.

Locais de ensaio

Tamén no ámbito desta Concellaría, aprobouse solicitar o recoñecemento oficial e a inclusión na Rede Galega de Locais de Ensaio dos locais de ensaio de música do Multiusos de San Lázaro. A entrada nesta rede permitiría acceder ás axudas que a este tipo de locais achega a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Compartir: