ACCIÓN CULTURAL

Colapso Colectivo presenta ‘Colapsoloxías’, residencia no Auditorio de Galicia, centrada na experimentación e na creación sonora

01/07/2021 O director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, presentou esta mañá, na Casa do Concello, ‘Colapsoloxías’, acompañado de Xoán Xil, Pablo Iglesias e Lorena Durán, integrantes do Colectivo Colapso, entidade que organiza o evento. Trátase dunha residencia colectiva centrada na experimentación e na creación sonora, que se celebrará do 2 de xullo ao 15 de agosto no Auditorio de Galicia e espazos exteriores da cidade.

A vocación de Colapsoloxías é tecer unha rede de intercambio con diferentes proxectos e artistas que entenden a música e a creación dunha perspectiva crítica afín ás dinámicas de traballo de Colapso Colectivo. Ao mesmo tempo busca fomentar a colaboración e o intercambio entre as persoas artistas participantes e axentes locais.

Ubaldo, mañá venres no Auditorio de Galicia
O primeiro dos espectáculos será mañá, venres 2 de xullo ás 20.30 h na Sala Mozart do Auditorio de Galicia con Ubaldo, artista catalán multidisciplinar que fai que no seu universo nos vexamos rodeados por sons experimentais fráxiles e introspectivos. As entradas para este evento poden retirarse hoxe mesmo na web compostelacultura.gal
ou na Zona C. Punto de Información Cultural na Praza de Cervantes. Para todas as demais citas poderán irse retirando para os eventos de cada semana desde os luns ás 10.00 h. Todas serán de balde.

36 propostas organizadas en catro sección
Colapsoloxías articúlase en base a catro pilares:

1. Concertos e Dj set que xiran ao redor de propostas pouco frecuentes na programación da cidade e que se fusionarán con proxectos de membros do colectivo. Poderemos escoitar a Ben Bertrand, Tarta Relena, Elvin Brandhi, Enrique del Castillo, Accident du Travail, Ep64 ou Dj Marcelle, entre otros.

2. CoLabs: laboratorios de experimentación e creación ao redor do sonoro en dous formatos; residencia de creación aberta á participación de colaboradorxs para o desenvolvemento dun proxecto, ou sesións en formato obradoiro introdutorio. Serán con Sonoscopia, Paula Pin, Mateo Mena ou Dub Mono Hifi.

3. Escoitas circulares: presentacións de proxectos e colectivos centrados na escoita. Con Fundación Phonos, edicións Capablanca, Favela Discos, Festival Tsonami, Manuel Prieto ou Yago Portela, entre outros.

4. Roteiros: andainas que se centran na relación coa paisaxe sonora facendo especial fincapé na ecoloxía urbana en relación ás aves, os insectos, os morcegos e o río.

En total, 36 eventos: 20 concertos e Dj set, 5 CoLabs, 6 escoitas circulares e 4 roteiros.

Colapso Colectivo
Colapso Colectivo é un punto de encontro para persoas artistas e afeccionadas á arte sonora e visual. O seu obxectivo é dar visibilidade a propostas pouco convencionais, apoiando a realización e presentación de proxectos artísticos arriscados, facilitando o diálogo entre creadores e espazos e incidindo na importancia do seu rol nos procesos de transformación social.

Colapso colectivo intégrase como unha liña de acción colaborativa da Asociación Extramundi, rede profesional multidisciplinar encamiñada a xerar procesos de equidade social a través da construción de sociedades máis inclusivas e diversas (hábitats máis humanos).
Froito deste enfoque, na curadoría de Colapsoloxías intégranse de xeito transversal no deseño e desenvolvemento da proposta a perspectiva de xénero, a medioambiental e accións que favorezan a accesibilidade á cultura.

"O colapso non é o final, senón o principio dun novo futuro. Reinventaremos as formas de festexar, de estar presentes no mundo e con nós mesmas, con outras persoas e cos demais seres que nos rodean" P. Servigne e R. Stevens

Compartir: