COMERCIO

Sabor a Artesanía encherá de artesanía, gastronomía e música o Pazo de San Lourenzo este sábado 3 e domingo 4 de xullo

01/07/2021 O Concello de Santiago de Compostela a través da Área de Comercio, Artesanía de Galicia e Gadis patrocinan esta iniciativa na que participan 33 marcas creativas, artesanais e enogastronómicas. Ademais da feira, o evento contará con concertos, sesións DJ e obradoiros de artesanía en palla trenzada.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro; a xerente do Pazo de San Lourenzo, Charo Barca e a directora do programa, Mónica Mejías, deron conta esta mañá do evento Sabor a Artesanía que se celebrará en Santiago de Compostela o sábado 3 e o domingo 4 de xullo para dar a coñecer novas marcas galegas, fomentar o comercio de proximidade, poñer en valor o esforzo da produción local e dinamizar as compras no inicio da tempada estival.

A iniciativa Sabor a Artesanía parte da empresa Correveydile e está patrocinada polo Concello de Santiago de Compostela a través da Área de Comercio, a Xunta de Galicia a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia e Gadis. Conta ademais coa colaboración do Pazo de San Lourenzo, que abrirá as súas portas esta fin de semana para acoller a feira de artesanía, gastronomía e creatividade e a programación musical e de obradoiros do evento.

Trinta e tres obradoiros artesanais, comercios con sede na cidade de Santiago de Compostela e marcas galegas participarán na actividade amosando e vendendo as súas coleccións de moda, xoias, bixutaría, marroquinería complementos, xogos, esculturas en papel, artesanía téxtil, decoración, coitelos e artículos para o fogar, ilustración, queixos, viños, mel, marmeladas etc. nos seculares salóns do Pazo.

Os xardíns do pazo acollerán as actividades complementarias da iniciativa que abranguerán os concertos de Bifannah, TT Syndicate, Rastreadores e The Soul Jacket, as sesións DJ do picadiscos Manuel Vilouta (El hombre Vil) e os obradoiros gratuítos da artesanía trenzada en palla coa que se elaboran os tradicionais "sancosmeiros" que impartirá Trenzarte.

A entrada ao espazo e á feira é de balde e dará a oportunidade ao público visitante de coñecer os formidables salóns e os espectaculares xardíns do Pazo de San Lourenzo. As entradas para os concertos están á venda na plataforma www.entradium.com e permitirán desfrutar da música ao aire libre en mesas grupais de 2, 3, 4, 6 e 8 persoas degustando a atractiva oferta gastronómica de petiscos doces e salgados que ofrecerá o Pazo de San Lourenzo.

O horario de Sabor a Artesanía é ininterrumpido de 12h a 21h ambas xornadas e non é necesario formalizar reserva para o acceso ao espazo. Os concertos e os obradoiros si implican asegurarse praza con antelación e contan cos seguintes horarios:

Sábado 3 de xullo
12:30h Obradoiro gratuíto de artesanía en palla trenzada. Entradas dispoñibles en www.entradium.com
13:30h El Hombre Vil DJ e Bifannah en directo. Entradas dende 12€ dispoñibles en www.entradium.com
18h Obradoiro gratuíto de artesanía en palla trenzada. Entradas dispoñibles en www.entradium.com
20h El Hombre Vil DJ e TT Syndicate en directo. Entradas dende 12€ dispoñibles en www.entradium.com

Domingo 4 de xullo
12:30h Obradoiro gratuíto de artesanía en palla trenzada. Entradas dispoñibles en www.entradium.com
13:30h El Hombre Vil DJ e Rastreadores en directo. Entradas dende 12€ dispoñibles en www.entradium.com
18h Obradoiro gratuíto de artesanía en palla trenzada. Entradas dispoñibles en www.entradium.com
20h El Hombre Vil DJ e The Soul Jacket en directo. Entradas dende 12€ dispoñibles en www.entradium.com

Nesta nova edición de Sabor a Artesanía cumpriranse os máis rigorosos protocolos de seguridade, hixiene e prevención e controlaranse os aforos co obxectivo de que o público asistente poida desfrutar dun evento de #culturasegura.

Compartir: