URBANISMO

Aprobadas as obras de urbanización dunha unidade con 48 vivendas en Santas Mariñas

26/03/2007 A Xunta de Goberno ratificou o prego e o inicio do expediente de contratación das obras de urbanización da unidade de xestión 16 en Santas Mariñas. Estableceuse un tipo de licitación de 1.262.169 euros para este espazo, situado entre a rúa de Picaños e a propia rúa de Santas Mariñas.

O ámbito de actuación é de 12.022 metros cadrados, dos que 5.220 corresponden a vieiros, 1.700 a zonas verdes, 456 a usos dotacionais e 4.600 a edificación. Nesta última área construiranse 48 vivendas unifamiliares de baixo e unha pranta. O prazo de execución destas obras é de seis meses.

Outro dos acordos en materia de urbanismo foi a desestimación do recurso de reposición presentado por Layetana Santiago, polo que se denegaba a licenza de obras proxecto básico do edificio na Finca do Espiño.

En materia de licenzas, ademais, da concedida para 20 das vivendas da mencionada unidade de Santas Mariñas, concedeuse outra para 24 vivendas na parcela 7 do SUNP-17, no Paxonal.

Compartir: