POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

Ábrese a inscrición no programa ELOS, que facilitará o intercambio lingüístico entre persoas que desexen aprender galego e o voluntariado que colabore na iniciativa

23/06/2021 O concelleiro de Políticas Lingüísticas, Rubén Prol, presentou hoxe a primeira edición do programa de intercambio lingüístico "ELOS. Aquilo que une", unha iniciativa para facilitar o contacto entre persoas que desexan aprender e practicar o galego e persoas que voluntariamente queiran colaborar con elas. O prazo de inscrición ábrese hoxe. Non hai data prevista de peche, xa que se irá atendendo a demanda segundo vaia xurdindo.

Segundo explicou Rubén Prol, as persoas inscritas en ELOS obteñen un beneficio mútuo, xa que "quen aprende galego, se é o caso, pode ensinarlle outra lingua á persoa que o está axudando". Neste programa poden participar:

-Calquera persoa, de aquí ou de fóra, que queira aprender a falar en galego e dispoña dunha hora á semana para dedicarlle a esta aprendizaxe. Estas conversas axudarano a familiarizarse coa nosa lingua, a entender mellor calquera información, e a coñecer máis e mellor a nosa cultura.

-Por outra banda, tamén pode participar calquera persoa que saiba falar galego, que teñen unha hora dispoñible á semana, e a vontade de axudar a outras persoas a aprender ou mellorar a súa competencia na nosa lingua. Esta iniciativa axudaráo a facer novas amizades, coñecer outras realidades e culturas, e cecais, aprender ou familiarizarse con outra lingua.

A través de ELOS tamén se pode participar de balde en actividades complementarias, como visitas a museos e rutas guiadas por Compostela, coas que afondar no coñecemento da cidade e de Galicia.

Para participar no programa só é necesario cubrir a inscrición na páxina delingua.santiagodecompostela.gal. Hai dous modelos: persoas que queren aprender, e persoas que falan galego e queren colaborar.

Coas persoas inscritas, e tendo en conta a dispoñibilidade de cada unha, formaránse as parellas. O primeiro encontro será coa mediación dunha persoa coordinadora e preferentemente presencial. Non se intercambiarán datos persoais ata que as dúas persoas confirmen que aceptan o emparellamento.

O funcionamento posterior é autónomo, co compromiso de conversar en galego, cando menos, unha hora á semana.

Para completar este programa, de xeito periódico organizaranse roteiros histórico-artísticos e visitas a museos, co obxectivo, sinalou Rubén Prol, de "ampliar o contacto coa lingua e coñecer máis sobre o noso contexto cultural".

Documentos relacionados



Compartir: