ALCALDÍA

O alcalde visita o Fogar Español e o Patronato da Cultura de Montevideo

24/03/2007 Seguindo coa súa visita institucional a Montevideo, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, foi recibido o venres 23 polo ministro de Asuntos Exteriores de Uruguai, Reinaldo Gargano, quen se amosou interesado en transmitir a idea de que en Uruguai existe un campo fértil para Galicia e para o conxunto do Estado en materia produtiva.

Gargano, sabedor do papel que xogan Galicia e España nalgúns sectores industriais como o téxtil, o cerámico ou o madeireiro, sinaloulle ao alcalde que sería interesante poñer en marcha algún proxecto de cooperación nestes campos. Gargano tamén explicou que o Ministerio que el preside vén de subscribir un acordo co Goberno de Cataluña para a dobraxe ao castelán de filmes en catalán a través do cal a televisión estatal uruguaia pode exhibilos sen pagar o canon.

Na xornada do venres, o alcalde e a concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez achegáronse ao Fogar Español, onde residen uns 180 emigrantes españois de escasos recursos económicos, dos que arredor dun 85% son galegos. Na actualidade, os maiores ingresan na institución con idade máis avanzada e con maiores problemas de saúde.

Sánchez Bugallo e Regúlez foron recibidos pola directiva do Fogar, que preside Liberio Antelo Agrelo. Este comunicoulles que na actualidade só hai unha compostelá nesta institución, cando o ano pasado había seis. O alcalde dixo que desde o Concello de Santiago seguiríase colaborando igualmente coa residencia, que nos últimos anos tivo un cambio moi importante en canto a infraestruturas e acondicionamento.

O último encontro da xornada foi coa directiva do Patronato da Cultura Galega, presidido por Ana María Lorenzo, que lle describiu o proxecto da nova sede á que se trasladarán nos vindeiros meses. Esta é unha das institucións culturais galegas máis activas de Uruguai, e conta cuns 800 socios.

Para o sábado 24, último día do alcalde en Montevideo, está prevista unha reunión coa Unión de Sociedades Galegas, coa Fundación Españoles en el Mundo e coa directiva do Centro Galego, onde tamén terá a oportunidade de departir cos santiagueses residentes en Montevideo, que son na actualidade uns 700, entre emigrantes e fillos de emigrantes. Á noitiña asistirá a un concerto da gaiteira Susana Seivane no Centro Recreativo do Centro Galego.

Compartir: