PROMOCIÓN ECONÓMICA

Clausurada a I Xornada de integración a través do deporte

23/03/2007 O alcalde en funcións, Néstor Rego, e o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, clausuraron a I Xornada de integración a través do deporte, enmarcada no Proxecto Persoa III. Neste seminario, celebrado no pavillón do Restollal, participaron un cento de persoas da Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI), da Asociación de Pais de Persoas con Minusvalidez Psíquica, da Asociación de Minusválidos do Val do Dubra (AMIVALDU) e alumnos de primeiro de ESO do Colexio San Xosé de Cluny.

A finalidade da xornada era fomentar a integración en actividades deportivas das persoas con algún tipo de discapacidade, buscando a súa realización e o favorecemento da súa integración social. Neste caso fíxose a través da práctica compartida de xogos e deportes conxuntos entre estes colectivos e escolares. Os participantes practicaron brilé, baloncesto, gynkana, tenis de mesa bádminton, xogos populares e maratón popular.

Coa I Xornada de integración a través do deporte clausurase a fase de prácticas da especialidade de adestrador físico de persoas con discapacidade, do Proxecto Persoa III. Agora comezará a fase de inserción laboral, a última do programa experimental de emprego.

Persoa III

Trinta e oito usuarios do Proxecto Persoa III insertáronse laboralmente no último ano. Esta cifra representa o 63% das dúas primeiras fases do proxecto, nas que participan sesenta persoas. Agora empeza a última fase do Persoa III, na que participan outras trinta persoas. En total, o programa conta con noventa usuarios (oitenta e catro mulleres e seis homes), que reciben formación en seis especialidades.

O Proxecto Persoa III comezou en marzo de 2006 e remata o 15 de xuño de 2007. O seu obxectivo é promover a integración laboral de colectivos con dificultades para acceder ao mercado de traballo (mulleres, mozos en emprego anterior, desempregados maiores de 45 anos, emigrantes retornados, etc.) a través da súa participación nun proceso integral de inserción. Os usuarios reciben formación, realizan prácticas en empresas e son apoiados ao longo do proceso de inserción no mercado laboral.

Compartir: