PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica colaborará con cinco escolas infantís para implantar un servizo de atención temperá

23/03/2007 O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, asinou cinco convenios de colaboración con cinco escolas infantís, Raiola, Paparolo, Rubido Romero, El jardín de los mimos e Mami, para a implantación do Servizo de desenvolvemento infantil e atención temperá nos centros. A atención temperá é definida polo Real Patronato sobre Discapacidade coma un "conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos que presentan os nenos con trastornos no seu desenvolvemento ou que teñen o risco de padecelos".

O obxectivo do convenio, que estará vixente ata setembro, é maximizar o potencial do menor e previr a aparición de problemas secundarios ou retrasos no seu desenvolvemento. Ao mesmo tempo, o documento recolle o desenvolvemento de accións de información e formación destinadas a pais, nais e familiares que contribúan na integración social e escolar da nena ou neno.

A colaboración da Concellaría de Promoción Económica realizase ao amparo do Plan de Acción Local polo Emprego 2006/2007, coa articulación do Servizo de desenvolvemento infantil e atención temperá que permitiu a contratación de persoal técnico a través dos programas de Cooperación asinados coa Consellería de Traballo. Este persoal está constituído por unha mestra, unha psicóloga e unha psicopedagoga, alumnas do Proxecto Persoa III. O programa, que xa está na súa terceira fase, xa permitiu insertar laboralmente a 38 dos 60 participantes da primeira e segunda fase, un 63% do total.

O Servizo de Desenvolvemento infantil e atención temperá ofrece prevención, detección, seguimento, coordinación, asesoramento, orientación, apoio e intervención, tanto aos menores como aos pais. Esta previsto que en vindeiros días Xosé Manuel Iglesias asine outros cinco convenios con outras tantas escolas infantís de Santiago para a implantación deste servizo.

Compartir: