CENTROS SOCIOCULTURAIS

Compostela lembra o acto conmemorativo do centenario do Banquete de Conxo

23/03/2007 O martes 27 de abril, a cidade lembrará o acto conmemorativo do centenario do Banquete de Conxo, cunha ofrenda floral na tumba de Aurelio Aguirre e unha homenaxe. Recordarase así un evento, celebrado en xullo de 1958, no que á súa vez se conmemoraba por primeira vez o acontecemento do Banquete.

A concelleira de Centros Socioculturais, Guadalupe Rodríguez, presentou os actos conmemorativos, que comezarán ás 12:00 horas cunha ofrenda floral na tumba de Aurelio Aguirre en Boisaca. No acto, presidido polo alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, interpretarase o himno do antigo reino de Galicia e escoitarase a lectura de poemas a cargo de alumnos e alumnas do Colexio Quiroga Palacios e do IES Eduardo Pondal.

Xa pola tarde, ás 19:00 horas, celebrarase un acto de homenaxe. No mesmo intervirán Baldomero Cores Trasmonte e Francisco Otero Guldrís, dous dos artífices daquel acto celebrado en 1958, nun momento de importante convulsión social.

Tamén no marco desta homenaxe, o mércores 28, ás 20:00 horas, entregaranse os premios literarios de narrativa "José Saramago" e de poesía "Aurelio Aguirre". O alcalde compostelán presidirá o evento, no que se lerán os textos gañadores e haberá unha actuación musical. Nesta edición presentáronse aos certames 36 relatos breves e 24 traballos de poesía. A vindeira xa quedou aberta e os traballos poderán presentarse ata o 30 de decembro de 2007 no caso do V Certame de poesía "Aurelio Aguirre" e ata o 30 de novembro no VII Certame literario de relato curto "José Saramago".

Unha data histórica

Cómpre lembrar que en 2006 celebráronse os 150 anos do Banquete de Conxo, aquel brinde á liberdade promovido por Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal. O 2 de marzo de 1856 celebrábase aquel banquete para facer unha xuntanza fraternal entre os movementos obreiro e estudantil do daquela emerxente rexurdimento. Contou con ilustres comensais como Rodríguez Seoane, Camino, Manuel Murguía e Rosalía de Castro, todos daquela mozos que formaban parte do Liceo da Mocidade Compostelá.

Naquela ocasión, os estudantes composteláns foron os encargados de servirlles o xantar aos traballadores, nun xesto de confraternidade. Foi unha homenaxe do mundo da cultura ao mundo do traballo. Un dos actos simbólicos máis salientable foron os brindes poéticos pronunciados no mesmo por Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre, cando aínda eran estudantes de Medicina e Dereito. O acto foi censurado polas autoridades, a Igrexa excomungou aos seus organizadores e a carballeira foi tomada polo exército durante o xantar por medo a que nacese unha insurrección coma a de había dez anos.

O Centro sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo vén celebrando de xeito continuado, dende a súa inauguración en 1993, o acto de conmemoración do histórico Banquete de Conxo no mes de marzo. En 2008 celebrarase outro 150 aniversario, neste caso do falecemento do poeta.

Compartir: