PROMOCIÓN ECONÓMICA

Os nenos adquirirán hábitos de consumo en "Aprende mercando"

22/03/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, presentou "Aprende mercando", unha das actividades do programa "Marzo, mes do comercio". Trátase dun proxecto educativo para iniciar aos máis pequenos no consumo responsable e en roles educativos vinculados ao acto de compra.

Xa hai 560 nenas e nenos inscritos de cuarto, quinto e sexto de primaria, pertencentes aos colexios de A Milagrosa, Raíña Fabiola, Lamas de Abade, Quiroga Palacios, San Jorge, Nosa Señora dos Remedios, Compañía de María, Apóstolo Santiago e Ramón de Cabanillas. O prazo de inscrición continúa aberto.

A actividade "Aprende mercando", na que colaboran Supermercados Fríos e Mercadona, desenvolveranse na Fundación Torrente Ballester e no Centro Sociocultural do Ensanche entre o 26 e o 31 de marzo. Do 26 ao 30 as visitas resérvanse para centros escolares. O venres 30, de 17:00 a 20:00 horas, e o sábado 31 de marzo, de 10:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:00 horas, poderán acceder todas as persoas que desexen participar.

"Aprende mercando" é unha proposta formativa e lúdica na que as rapazas e rapaces terán que posicionarse coma comerciantes e consumidores. O obxectivo é que aprendan, dun xeito directo, en qué consiste a actividade comercial e, ao mesmo tempo, fomenten uns hábitos de consumo responsable. A actividade, que recrea nun escenario virtual unha rúa dunha cidade na que se sitúan distintos establecementos comerciais, concíbese coma un xogo de rol no que nenos e nenas participan de maneira activa.

Esa iniciativa é unha das programadas no marco de "Marzo, mes do comercio". O 30 de marzo celébrase no Auditorio de Galicia a II Gala do comercio "Compostela capital de compras". A gala é aberta ao público. Os interesados en asistir poden inscribirse na páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio. O programa complétase cun ciclo de conferencias que se desenvolverán o 26, 27 e 29 de marzo na Fundación Caixa Galicia sobre o pasado, presente e futuro do comercio compostelán.

Compartir: