ALCALDÍA

O alcalde sinala que é "unha obriga" atender aos emigrantes de Santiago

21/03/2007 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu a cualificación de Visitante Ilustre por parte do concejo deliberante do concello de Vicente López, onde viven arredor de setenta emigrantes ou fillos de emigrantes composteláns.

Durante o acto, o intendente desta cidade, Enrique García, manifestou o seu desexo de establecer liñas de colaboración entre Santiago e a cidade na que el é mandatario, e dixo que lle gustaría visitar a capital galega antes do verán. Sánchez Bugallo mantivo tamén un encontro co reitor da Universidade de Bos Aires (UBA), que tamén se amosou interesado no intercambio entre alumnos e profesores da UBA e a Universidade de Santiago.

Por outra banda, o alcalde deu unha rolda de prensa en Bos Aires para facer balance da súa visita á capital de Arxentina. Durante o encontro cos xornalistas, sinalou que ao tratarse da quinta visita que realiza á colectividade compostelá emigrante de Bos Aires en calidade de alcalde é apreciable como se establecen máis lazos de conexión e un maior coñecemento dos seus conveciños, que lle achegan demandas e lle formulan dúbidas e inquedanzas. O alcalde opinou que é unha obriga "saber que necesitan e en que os podemos axudar", e que "unha vez que se abre unha porta xa non se pode pechar".

Explicou que "dende que se tomou a decisión de que os emigrantes e os fillos destes podían recuperar a nacionalidade española" -e a partir de xuño deste ano, tamén os netos de galegos-, "tratamos de normalizar as relacións cos cidadáns que viven no exterior".

O alcalde tamén comentou que as demandas dos emigrantes cambiaron substancialmente dende o 2003, cando a maioría preguntaban "como volver a España", Hoxe formúlanse dúbidas sobre como obter a nacionalidade española. Por outra banda, Bugallo instou a aqueles que queiran marchar a traballar a España a regularizar dende aquí o seu pasaporte, posto que desta forma se axilizan os trámites.

O mandatario compostelán emprenderá o xoves 22 camiño a Montevideo, onde ademais de asistir ao I Congreso Técnico empresarial "O futuro dos emprendedores galegos no exterior", manterá un encontro coa colectividade de Montevideo e Canelones e cos seus intendentes, Ricardo Erlich e Marcos Carámbula, respectivamente.

Documentos relacionados



Compartir: