ALCALDÍA

O alcalde, nomeado Visitante Ilustre de dúas cidades arxentinas

20/03/2007 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse está co intendente de Mar del Plata, co vicecónsul honorario de España, Fernando García Navarro, e co concejo deliberante (corporación municipal), que, tras entregarlle a chave da cidade, declarárono Visitante Ilustre.

Na súa intervención, o alcalde invitou ao intedente e aos membros da corporación a visitar Santiago de Compostela, ao tempo que resaltou a importancia que Arxentina tivo na historia de Galicia, unha importante terra de acollida de moitos galegos emigrantes, polo que dalgún xeito "estamos en débeda cos arxentinos". O alcalde explicou que na actualidade, son moitos os arxentinos que chegan a Santiago, a maioría fillos ou netos de españois ou italianos, polo que conservan a súa nacionalidade europea, e que destacan pola súa "cualificación profesional e a súa integración".

Na mesma xornada, o alcalde achegouse á cidade de Avellaneda, onde foi recibido tamén polo intendente Baldomero Álvarez, neto dun galego, e pola corporación do concello. Nesta cidade tamén foi declarado Visitante Ilustre. Pola tarde, visitou o Centro Galego de Avellaneda que preside Perfecto Marcote, onde explicou os avances, as novas infraestruturas e os proxectos de futuro de Santiago de Compostela e respondeu ás preguntas dos asistentes. Nesta cidade viven arredor duns cincuenta composteláns.

O alcalde reunirase tamén coa corporación e o intendente da cidade de Vicente López. Tamén se achegará á sede da Universidade de Bos Aires (UBA) para manter un encontro co seu reitor. Para o mércores 21 está previsto que o alcalde dea unha rolda de prensa para facer balance da súa estadía na Arxentina, ás 9:00 horas, no hotel NH City.

Congreso sobre os emprendedores galegos

O xoves 22 o alcalde tomará rumbo a Montevideo para asistir á inauguración do I Congreso Técnico empresarial "O futuro dos emprendedores galegos no exterior", organizado pola Fundación Galicia Emigración. O congreso contará coa presenza e a participación de destacadas personalidades das administracións galega, uruguaia e doutros países de América, que darán a coñecer a situación económica e fiscal, o clima xurídico e os requisitos e fórmulas de investimento nos seus países e ámbitos de actuación.

Tras a benvida do Ministro de Industria, Enerxía e Minería de Uruguai, Jorge Lepra, abrirá o congreso o conselleiro de Traballo da Xunta, Ricardo Varela. Tamén contará coa participación do eurodiputado Antolín Sánchez Presedo; do Secretario Xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez; do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla; e do conselleiro de Economía e Facenda da Xunta, José Ramón Fernández, entre outros.

Segundo os organizadores do evento, este encontro considérase o punto de partida do proxecto GAER (Galicia en Rede), que conterá a Rede de Emprendedores e Empresarios; unha plataforma virtual que servirá como lugar de encontro e comunicación, para facilitar as operacións comerciais, as inversións, a busca de financiamento, etc.

O obxectivo do congreso é resaltar a relevancia do empresariado galego en América e fomentar o asociacionismo empresarial na diáspora, buscando a colaboración e a cooperación.

Compartir: