TURISMO

Francisco Candela preside a reunión anual do Spain Convention Bureau

20/03/2007 As 41 cidades de congresos españolas agrupadas no Spain Convention Bureau, presidido polo compostelán Francisco Candela, reúnense en Xixón o venres 23 e celebran previamente un Seminario Internacional sobre Turismo de Reunións.

O Seminario Internacional sobre Turismo de Reunións celebrarase no Palacio de Congresos de Xixón do 21 ao 22 de marzo, e será inaugurado polo concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela, na súa calidade de presidente do Spain Convention Bureau.

O evento, con 150 inscritos e conferenciantes de universidades e grandes empresas europeas, contará cun relatorio do xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, quen participará o xoves 22 na mesa redonda "A conectividade aérea como factor da elección de destino. Papel das low-cost neste segmento".

A reunión anual do Spain Convention Bureau, órgano da Federación Española de Municipios y Provincias, terá lugar o venres 23 a partir das 9:30 horas.

A xuntanza das 41 cidades, presidida por Candela, dará paso á incorporación de dous novos membros, Almería e Alcalá de Henares, que elevan o grupo de promoción conxunta a 43 destinos de congresos.

Candela fará tamén a memoria das accións promocionais desenvolvidas no 2006, que inclúen catro grandes feiras internacionais en Frankfurt, Londres, Florencia e Barcelona; tres presentacións en Colonia, Frankfurt, Londres e París; e tres seminarios de formación (un deles en Santiago de Compostela, o pasado setembro). A orde do día prevé a presentación do novo material promocional e do Plan de Actuación Conxunta de Turespaña e a FEMP para 2007.

Compartir: