PROMOCIÓN ECONÓMICA

Éxito de asistencia de "Outlet Compostela"

20/03/2007 Un total de 15.624 persoas visitou a primeira feira de saldos que se celebrou en Santiago, "Outlet Compostela", organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio e pola Concellaría de Cultura no marco do programa de dinamización comercial "Marzo, mes do comercio". A feira tivo lugar o 17 e 18 de marzo no recinto feiral de Amio.

As cifras de asistencia foron presentadas polo concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias. 10.753 persoas mercaron a entrada, 2.173 entraron coas invitacións dos encartes publicados con "El Correo Gallego" e "La Voz de Galicia" e 640 entraron coas invitacións distribuídas polo Concello de Santiago entre os establecementos que participaron no Outlet Compostela e as entidades que colaboran co programa "Marzo, mes do comercio". O resto, 2.058, eran menores de 16 anos, que non pagaron entrada, pero que recibiron unha invitación para poder contabilizalos. Ademáis dos composteláns, á feira de saldos asistiron veciños de concellos tan distantes como Ferrol, Cambre ou Muros.

A vontade da Concellaría de Promoción Económica é organizar outra feira de saldos o ano que ven, dado a boa acollida que tivo "Outlet Compostela" entre os comerciantes e o éxito de público. As cifras de asistencia superaron amplamente as previsións da Concellaría, cifradas en 10.000 persoas. Xosé Manuel Iglesias destacou a responsabilidade dos comerciantes que participaron na feira de saldos porque, segundo asegurou, as liquidacións de xénero "fixéronse con produtos de calidade a un precio competitivo". Sobre as cifras de negocio non existen datos concretos, pero segundo algúns comerciantes que participaron na feria de saldos, nun só día do Outlet Compostela facturaron tanto como no mellor día da Campaña de Nadal.

"Outlet Compostela" é unha das actividades programadas no marco de "Marzo, mes do comercio". Ata o nove de abril pódense ver duas exposicións: "Historia do comercio en Compostela", ubicada na Fundación Torrente Ballester, e "De compras por Compostela", exposta na Praza Roxa. Entre o 26 e o 31 de marzo desenvolverase na Fundación Torrente Ballester e no Centro Sociocultural do Ensanche "Aprende mercando", unha actividade deseñada para que os máis pequenos se inicien no consumo responsable.

A II Gala do Comercio "Compostela capital de compras", que se celebrará o 30 de marzo no Auditorio de Galicia, pechará "Marzo, mes do comercio". A gala é aberta ao público. Os interesados en asistir poden inscribirse na páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio www.maiscompostela.org. O programa complétase cun ciclo de conferencias, o 26, 27 e 29 de marzo sobre o pasado, presente e futuro do comercio compostelán.

Compartir: