COMERCIO

As asociacións de comerciantes dan o visto bo por unanimidade ás bases que rexerán a próxima convocatoria de axudas para o sector

12/04/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo esta mañá un novo encontro coas asociacións de comerciantes Comercio Punto Compostela, Compostela Monumental, Em-Rede, Fundación Santiago Centro, e Ourives de Compostela, no que se trataron varios asuntos; entre eles, as bases do terceiro plan de reactivación económica para os sectores que máis de cerca están padecendo as consecuencias das medidas restritivas ditadas para frear a pandemia, neste caso o comercial.

En relación coa convocatoria de axudas prevista para este mes de abril, Sánchez Bugallo, indicou que se lles expuxo a nova situación, tras coñecerse a liquidación definitiva e, polo, tanto, a contía do remanente de tesourería dispoñible. "Todos recoñecen que é a maior convocatoria de axudas coñecida en ningún concello do que teñamos referencia", salientou o alcalde e inciden "na urxencia de que saian o antes posible, en todo caso neste mes".

En segundo lugar, na xuntanza abordouse o tema dos criterios de reparto desas axudas. "Presentouse unha proposta por parte do departamento de Comercio que foi aceptada por unanimidade e que, polo tato, quedou aprobada na reunión de hoxe", confirmou o rexedor.

A terceira cuestión, o bono compra. A este respecto tomáronse tres decisións: que se aplicará a partir do 1 de setembro, "para que non coincida no tempo co da Xunta"; en segundo lugar, que se xestionará, "previsiblemente a través dun código QR"; e, en terceiro lugar, "aínda que non quedou totalmente pechado, que se prevé unha axuda de 10 euros por compras iguais ou superiores a 30 euros, e de 20 euros por compras iguais ou superiores a 50 euros". Isto permite, sinalou Sánchez Bugallo, "se se aproba a proposta de destinar a este concepto 600.000 euros", dispoñer aproximadamente duns 45.000 bonos: 30.000 de 10 euros e 15.000 de 20 euros.

O cuarto tema tratado na reunión foi o Prima 21. Na xuntanza acordouse "que se vai celebrar e a data elixida foi a primeira fin de semana do mes de xuño", polo que, "nos poñemos a traballar" con ese obxectivo.

Por último, falouse da posibilidade de asinar os convenios para a posta en marcha dos bonos aparcamento, "contando con que entren en vigor os orzamentos de 2021 ao longo da próxima semana". O obxectivo é que estean operativos no mes de maio.

Compartir: