ALCALDÍA

O alcalde amosa a súa satisfacción polo levantamento da cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros que permite realizar as obras da estación do AVE despois "do traballo realizado"

09/04/2021 Despois do anuncio formalizado polo ministro de Transportes, José Luis Ábalos, no Pazo de Raxoi no día de onte, o alcalde amosou a súa satisfacción pola próxima licitación das obras de ampliación e mellor da estación de tren tralo levantamento da cláusula que vinculaba a realización desa actuación a acadar os 3,5 millóns de usuarios.

Sánchez Bugallo tamén se felicitou polo feito de que non sexa necesario realizar un novo convenio. "Nos últimos cinco meses traballamos no tema da adenda, do novo convenio e do non convenio" e, segundo o rexedor, concretouse na "mellor e máis rápida das opcións", que é factible "pola consideración de que o convenio anterior estaba finado desde outubro de 2020, porque Adif dispón da totalidade dos terreos e porque a financiación vai correr con cargo exclusivamente aos orzamentos xerais do Estado e aos fondos europeos Next Generation". O alcalde quixo agradecer a disposición do ministro e o traballo realizado pola presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera. O calendario pasaría por "licitar e adxudicar as obras en 2021, inicialas a finais deste ano e executalas en 2022 e 2023 para que estivese en pleno funcionamento en 2024".

"Creo que é unha gran noticia para Santiago e para Galicia", salientou o rexedor e lembrou que, cos 33.587.305 euros previstos para esta obra "levamos 72 millóns de euros destinados ao ámbito da intermodal". Cifra na que "colaboramos todas as administracións": Adif achega, ademais do orzamento para as obras da estación, 18 millóns para o acondicionamento das vías co obxecto de preparalas para a chegada do AVE e 2 millóns para a pasarela; no caso do Concello, a contribución orzamentaria concrétase no pagamento das expropiacións, na achega dos terreos para a estación de buses, na financiación das obras da rúa Clara Campoamor e nos 2 millóns da pasarela, "uns 5-6 millóns en total", lembrou o alcalde. A isto súmanse os "14-15 millóns da Comunidade Autónoma".

No que respecta á estación de buses, a previsión é que a cesión por parte da Xunta se materialice o 3 do mes que vén. "Confiemos en que ao longo de maio poida empezar a funcionar a estación". A Xunta de Goberno local do luns vindeiro tomará constancia da devandita cesión e "ordenaralle a Tussa que faga o traslado".

O ámbito completarase "coa remodelación do Hórreo, financiada polo Concello con 610.00 euros, para integrar a pasarela e facilitar o fluxo dos peóns". O obxectivo municipal é sacar esta obra a licitación "esta mes, como moi tarde a principios de maio" para que "en 2024 estea completada toda a zona".

Sánchez Bugallo fixo repaso do estado das liñas de actuación recollidas no Acordo do Foro Cívico, "definidas como prioritarias por todos os grupos" e ratificadas en pleno. "A estación está encamiñada; o orbital, en obras; o orbitaliño xa obtivo autorizacón medioambiental e está en fase de redacción do proxecto; e na EDAR, se todo vai ben, a finais de abril adxudicarase a redacción do proxecto, a construción da obra e a xestión durante o primeiro ano de funcionamento". O obxectivo é que en 2026 sexa operativa. "Os tres ámbitos das infraestruras definidos como estratéxicos e punteiros experimentaron un avance notable", salientou o rexedor.

Conxo
Seguindo co ámbito das infraestruturas, o alcalde referiuse á proposta de modificación da rotonda de Conxo por importe de 350.000 euros. Sánchez Bugallo indicou que "os técnicos de Fomento sinalan que ten problemas de seguridade pois cubrir a rotonda pode ter graves consecuencias en caso de accidente".

O alcalde anunciou que se encargou un novo proxecto para este ámbito ao equipo de arquitectos encabezado por Alfonso Salgado para que elaboren "unha proposta de integración". Unha vez que se teña, "conveniaremos co Ministerio de Fomento para que cada administración asuma unha parte". Así mesmo, Sánchez Bugallo, confirmou que se presentou "a declaración de interese para que se recolla nos fondos europeos unha actuación en Conxo que permita integralo e mellorar as vías interiores e as conexións".

Remanentes
A respecto dos remanentes, o alcalde confirmou que se está a traballar sobre unha nova proposta despois de coñecer o resultado definitivo da liquidación, que rebaixa a previsión inicial a 9 millóns, dos cales 6,5 se corresponden con investimentos aprobados con anterioridade "non efectuados, pero comprometidos". Restan 2,5 millóns de euros, que se concretan na proposta da seguinte forma: 50.000 euros para o bono parking; 300.000 euros para o bono de compra; 150.000 euros para actividades de promoción; 750.000 euros para o comercio e outro tanto para o sector hostaleiro. "Quedarían 458.929,07 euros para decidir se se dedican a investimentos ou a axudas". O rexedor considera necesario "levar a proposta ao pleno ordinario do 29 de abril". Sánchez Bugallo recalcou que se trata dunha proposta inicial aberta a cambios e que a semana que vén habería unha nova.

Con todo, sinalou o alcalde que esta convocatoria de axudas, sumando o remanente e a cantidade procedente do ano pasado, chegará a 4,8 millóns de euros. "Nunca na historia de Santiago se fixo unha convocatoria deste calibre, o 4% do orzamento municipal". Do total das axudas, o Concello achega o 80% e a Deputación, o 20% restante. Destinaríanse 150.000 euros para o bono parking; 600.000 para o bono de compra; 1.683.000 euros para o sector comercial; 1.493.105 euros para o sector hostaleiro; e 454.992 euros para o cultural; máis os 458.929,07 euros pendentes de asignar.

Imelga
Sánchez Bugallo referiuse tamén ás obras do Imelga, que cualificou de referencia de Galicia cara ao mundo. "Ten un enorme prestixio nacional e internacional e presta servizos moi importantes para cidadáns que están en situación de dificultade nun momento determinado", abundou. Neste caso, referiu, "o interese xeral debe prevalecer sempre sobre os intereses particulares, por suposto respectando os dereitos das persoas".

Compartir: