UMAD

O programa escolar de prevención de drogodependencias finaliza coa obra teatral "Pisa la raya"

19/03/2007 A representación da obra de teatro "Pisa la raya", o martes 20 ás 12.00 horas no salón de actos da Aula Sociocultural de Caixa Galicia (rúa Carreira do Conde, 18), porá o punto e final ao programa escolar de prevención en drogodependencias "Non pasa nada, ¿pasa algo?".

Este programa consiste nunha actuación de prevención selectiva de drogodependencias dirixido a adolescentes que cursan 4º da ESO, organizado pola UMAD. Esta integrado no Plan Municipal de Prevención de Drogodependencias do Concello, que ten como obxectivos: informar e formar aos adolescentes escolarizados sobre o tema das drogas e os riscos asociados ao seu uso e/ou abuso nos ámbitos físico, psíquico e social; facer que coñezan mellor os mitos e crenzas erróneas para facilitar unha toma de decisión máis correcta e de menor risco; e facilitar que o alumnado teña unha maior percepción do risco en relación co consumo de alcohol, tabaco, cannabis, drogas de síntese e cocaína.

Na obra "Pisa la raya", dunha maneira divertida e fresca, os catro actores e actrices van representando diferentes escenas nos que aparecen reflexados personaxes arquetípicos do mundo xuvenil e situacións relacionadas coa comunicación de grupo, o lecer nocturno xuvenil, a independencia persoal ou o uso de drogas. Recréase así de forma lúdica a información e formación que o programa preventivo desenvolve na escola.

315 alumnos dos centros CPR Divino Maestro, CEE de Xordos, IES Antón Fraguas, IES As Fontiñas, IES Pontepedriña e CPR Nosa Señora dos Remedios participarán neste acto.

Compartir: