ALCALDÍA

A directiva da Asociación de Periodistas de Galicia mantén a súa primeira reunión co alcalde de Santiago

09/04/2021 No Pazo de Raxoi, os xornalistas mostraron ao rexedor a súa disposición a colaborar no desenvolvemento dos eventos vinculados ao Ano Santo Compostelán e expuxeron a súa inquietude sobre as consecuencias que está xerando a pandemia na profesión.

Membros da nova Directiva encabezada pola presidenta da Asociación de Xornalistas de Galicia (APG) mantiveron a súa primeira reunión co alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo. A cita tiña por obxecto presentar a Asociación profesional ao máximo mandatario da capital galega.

A presidenta da APG, María Méndez, trasladou ao rexedor a disposición do colectivo profesional a colaborar en todas aquelas tarefas que favorezan a proxección de Santiago de Compostela con motivo da celebración do Xacobeo. Tamén, o interese por propiciar actividades que poidan axudar a un maior e máis profundo coñecemento do Ano Santo, o Camiño e a capital galega, mediante a presenza de destacados profesionais da comunicación na cidade.

No encontro, que se desenvolveu nun ambiente de gran cordialidade, Sánchez Bugallo agradeceu a disposición da entidade e amosouse interesado en colaborar coa asociación.

Os directivos e membros do Consello subliñaron a gran preocupación que existe entre os xornalistas pola enorme incidencia que a pandemia está a ter nas empresas do sector e nos profesionais, apostando por unha colaboración desde todos os ámbitos para tentar superala sen custos para o emprego e para as estruturas dos grupos empresariais.

Compartir: