DEPORTES

Rematan as obras de peche perimetral e substitución do céspede no campo de fútbol das Cancelas

30/03/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado dos concelleiros de Deportes, Esther Pedrosa; e do responsable de Barrios e Obras, Javier Fernández; visitou o campo de fúbol das Cancelas, con motivo do remate das obras de substitución do céspede sintético e de peche perimetral do recinto. Os traballos contaron cun investimento de 466.500 euros.

O campo de fútbol das Cancelas ten unha dimensión total de 110 metros por 68 metros. A nova área de quecemento engadida é das mesmas características que o terreo principal, cunha superficie de 250 metros cadrados.

No exterior ao terreo de xogo executáronse bandas de tránsito en céspede tipo pádel azul para evitar esvaróns de persoas usuarias do terreo de xogo. Incrementáronse, ademais, as bandas perimetrais ao terreo de xogo até os 2,50 metros en todo o perímetro campo para incrementar a seguridade, tal e como recomenda o Consello Superior de Deportes.

Céspede artificial
Segundo explicou Sánchez Bugallo, "é un campo que leva máis de 50 anos sendo operativo, que neste momento estaba necesitado dunha renovación total do terreo de xogo. A herba artificial anterior xa cumprira o seu período de vida útil, cun estado de deterioro importante. E iso supuña un certo risco para para as persoas que xogan ao fútbol nel".

A superficie do novo céspede artificial e base elástica supera os 7.700 metros cadrados. Engadiuse un novo peche perimetral en tramex lacaldo en branco, de 210 metros lineais. E o céspede azul anti escaróns perimetral ao terreo de xogo ocupa unha superficie de 270 metros cadrados.

A base elástica prefabricada, de 10 mm. de espesor, reduce significativamente as lesións dos xogadores e as sobrecargas musculares ao posuír unha capacidade de absorción de impactos superior ao 40%. Trátase dun produto completamente innovador e 100% reciclable, podendo transformalo, ao final da súa vida útil, en xoguetes, columpios para nenos e nenas, etc. O Concello de Santiago apostou por esta innovadora solución para a renovación do céspede do campo de fútbol das Cancelas. Un sistema tamén máis resistente e con capacidade de evacuación da auga.

O alcalde destacou a permeabilidade do terreo de xogo e a súa respectuosidade co medio ambiente. "É moito menos abrasivo que o anterior, polo tanto creo que a afición e os deportistas van quedar encantados coa instalación". Trátase, engadiu "dun investimento importante que paga a pena".

Está previsto que a semana que ven se entregue a obra. Despois ten que ir a Xunta de Goberno. A previsión é que para mediados de abril xa estea operativo para entrenamentos e partidos.

Compartir: